Fin dos procesos xudiciais para o ex-alcalde de Lugo José López Orozco

LugoXa
José López Orozco dio una rueda de prensa para agradecer el apoyo y la confianza tras el fin de sus procesos judiciales.
orozco garcia porto roda de prensa sede lugo
22 Mar 2022

O ex Alcalde de Lugo, José López Orozco, sostivo que “despois de case 11 anos xa rematou a longa noite de pedra”, tralo arquivo de todas e cada unha das causas xudiciais ás que se tivo que enfrontar. “Neste momento podo sentarme diante de vostedes e dicir o que tantas veces proclamei no salón de plenos do Concello de Lugo, son inocente. E esa inocencia é a que me dá a forza e folgos para presentarme diante dos medios de comunicación é dicir que mereceu a pena chegar ata aquí, confiar nesa forza que sempre sentín, e que esa longa noite de pedra está finalizada. A xuíza está en Ponferrada e eu estou libre de toda culpa, aquí nesta cidade de Lugo, á que tanto quero e a que tanto respecto”, asegurou.

O ex rexedor estivo acompañado na rolda de prensa que ofreceu esta mañá na sede provincial do PSdeG pola Secretaria de Organización do PSdeG na provincia de Lugo, Pilar García Porto, quen destacou a grande calidade humana e a gran proxección política de Orozco: “Foi un dos grandes alcaldes da historia de Lugo, que marcou un antes e un despois na cidade, ademais de ser un referente do municipalismo político en España”, sinalou.

“É unha persoa respectada e apreciada dentro e fóra destas murallas e tamén dentro e fóra do PSOE. Por fin a xustiza corrixiu os seus propios erros, pero o que queda sen corrixir é o dano persoal, profesional e político que sufriu Orozco e outros compañeiros políticos, algo que xa non ten solución”, lamentou a dirixente socialista.

Por iso, insistiu na súa intervención na necesidade de reclamar, “dende o respecto á independencia xudicial, rigor, seriedade e axilidade á xustiza. E poñer enriba da mesa mecanismos correctores que eviten as tentacións dos que pensan que unha carreira profesional pode medrar máis deprisa si se somete a persoas coñecidas a isto que se chama á pena do Telexornal”, criticou.

HAI QUE TER PROBAS
López Orozco lembrou na súa intervención que todo partiu “dunha denuncia falsa, de alguén que afirmaba que non tiña probas, e a partir de aí se me imputa e se me impide acceder ao sumario para saber de que se me acusaba”. O socialista remarcou que a pesar dos diferentes informes policiais e xudiciais sobre o seu patrimonio desmentían os argumentos da xuíza, ou dos distintos escritos da Fiscalía, “ela non facía caso, nada lle importaba, non lle valían incluso as sentenzas, como a da Fábrica da Luz, que deixaba claro que todo estaba dentro da lei. Ela tiña claro que había que seguir investigando a ver se aparecía algo».

López Orozo recalcou que para acusar hai que ter probas ou indicios racionais que se basean en feitos e poden levar a acusacións”, pero “nunca inventar artificios xurídicos para poder acusar, tal e como relata a Audiencia Provincial nos seus propios escritos”.

“XULGADO POLOS ADVERSARIOS POLÍTICOS”
“Poderán comprobar e comprender cal foi o meu calvario e o da miña familia, e hoxe todo iso está acabado e terminado. Tiven que marchar da política por algo que me gustaría que nunca máis volvera a suceder. Non sei canto daría da miña vida para que fora o último caso da política polo que alguén ten que abandonala porque foi xulgado polos seus adversarios políticos”. E proseguiu coa súa argumentación asegurando que “temos que aprender, e temos que respectar o artigo 24 da Constitución e o artigo 11 da Declaración dos Dereitos Humanos: todos somos inocentes ata que se demostre o contrario. Porque o contrario só o poden demostrar os xuíces, nun xuízo xusto”.

Preguntado polos medios de comunicación sobre a posibilidade de que nalgún momento emprenda accións legais contra a maxistrada, explicou que se “sentará cos seus avogados e estudará si é posible”. E puntualizou que, si é posible, seguramente tomará a decisión, sobre todo despois de analizar as resolucións xudiciais que foron arquivando, unha a unha, as causas nas que figuraba como investigado.

O ex Alcalde socialista preguntouse “por que a instrutora se comportou así comigo?”. “Seguro que non atoparei respostas da instrutora, ela nunca me chamará para dar explicacións, pero si que as podo atopar nos autos xudiciais. Estou feliz, relaxado e, aínda que pareza contraditorio, por moi mal trago que me fixera pasar a instrutora, confío na Xustiza, en maiúsculas, porque me devolveu o que se me arrebatou”.

Orozco, quen dixo sentirse moi preocupado polos que pensarían os seus alumnos e alumnas cos que compartiu ensinanzas por mor destes procesos xudiciais, remarcou que en todo momento tratou de comportarse dentro dos parámetros “da ética e da política con maiúsculas”. O Alcalde valorou o apoio da súa familia, así como o traballo do seu equipo xurídico, e aproveitou para “agradecer o apoio e a confianza aos miles de cidadáns de Lugo que me enviaron o seu cariño ao longo de todos estes anos”.

0.16374087333679