Finaliza con éxito a avaliación do Impulso Verde para a certificación de Proxecto FSC
O edificio Impulso Verde, promovido polo executivo municipal na Garaballa, no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, vén de completar con éxito o proceso de avaliación para a obtención da certificación de Proxecto FSC®. Así o informou a alcaldesa, Lara Méndez, quen celebrou esta nova pois “este distintivo converte ao inmoble nun referente internacional no ámbito da construción sostible”. Non en van, trátase do primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo que logra a prestixiosa certificación.
“O visado garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais; ao tempo que certifica que a obra non contribúe á deforestación e aposta por un produto local, á vez que ofrece máxima eficiencia e convértese en ferramenta activa da loita contra o cambio climático”, lembrou a rexedora.
O edificio Impulso Verde someteuse a unha rigorosa avaliación segundo os requisitos recollidos na Certificación FSC®, desenvolvéndose o día 3 de outubro a última auditoría que supón o final do proceso de avaliación e que permitirá a consecución do Certificado FSC® de Proxecto Completo (FSC-C168753).
Neste senso, o equipo auditor da entidade certificadora APCER, encargado do proceso de avaliación, supervisou que as empresas e todas as partes implicadas na obra xestionaron a subministración dos produtos de base forestal segundo criterios de sustentabilidade, validando a documentación dispoñible e determinando o cumprimento co Estándar FSC® de Certificación de Proxectos.
O Impulso Verde incorpora na súa estrutura madeira de orixe local con xestión forestal sostible, ademais, e para a obtención da declaración de certificación de Proxecto Completo, o resto dos produtos forestais utilizados na obra inclúen tamén as súas correspondentes declaracións de FSC®.
Este edificio incorpora os avances investigadores do Campus Terra (USC) e da Universidade Politécnica de Madrid. É o primeiro de carácter público da comunidade construído en madeira de Galicia e é xa un referente na acción polo clima, capaz de producir con enerxías alternativas o seu consumo. Ademais, o uso da madeira como elemento construtivo permitirá emitir un 90% menos de CO2 á atmosfera que os edificios de formigón e aceiro e absorberá 280 toneladas de emisións, o que significa que está a axudar xa nunha alta porcentaxe a reducir o efecto invernadoiro.
Forest Stewardship Council (FSC) é unha organización mundial sen ánimo de lucro que leva dedicándose, desde hai máis de 25 anos, a promover a xestión forestal responsable en todo o mundo. Co auxe do uso da madeira no sector da construción, FSC crea un novo estándar para a certificación de obras e proxectos construtivos con madeira: o Estándar FSC® de Certificación de Proxectos.