Finalizan as obras de mellora no camiño de Bidouredo en Monterroso
O Concello de Monterroso rematou as obras de mellora no camiño municipal que conecta o núcleo de Bidouredo co límite do municipio de Antas de Ulla.
Esta intervención foi financiada grazas ao Plan Deputación de Cooperación cos Concellos 2024 e supuxo un investimento de 11.704 euros.
O obxectivo do proxecto era dotar a este camiño dunha capa de rodadura adecuada ao seu uso e función, evitando así a continua presenza de fochas que dificultaban a circulación segura. Este tipo de melloras son esenciais para garantir un tránsito máis seguro e cómodo para os usuarios da vía.
O alcalde, Eloy Pérez, visitou a área afectada polas melloras acompañado polos concelleiros do equipo de goberno, destacando a importancia destas intervencións para o benestar e seguridade dos veciños de Monterroso.