Finalizan os traballos de limpeza da vexetación na Muralla de Lugo
Finalizan as tarefas de limpeza da vexetación dos paramentos e o adarve da Muralla que se viñan desenvolvendo durante as últimas semanas.
O monumento está listo para recibir nas mellores condicións aos turistas que visiten a cidade durante a Semana Santa. O tratamento realizouse de forma manual con ferramentas de corte aguzadas, para non arrincar as plantas máis arraigadas co fin de evitar o desprendemento de pedras e morteiro.
Tendo en conta o previsible crecemento da vexetación e o nivel de recuperación que se acade, pode ser aconsellable realizar outra limpeza no último cuadrimestre do ano, posiblemente entre setembro e outubro, naquelas zonas que o requiran.
Así, esta programación de tarefas permitirá garantir un estado de baixa cobertura durante o período de limitación de actividades imposto pola chegada e nidificación dos cirrios, que na primavera forman na Muralla unha das colonias máis importantes da Península.
A limpeza da vexetación está incluída no contrato de mantemento da Muralla, que conta cun orzamento de 635.700 euros para o bienio 2021-2022.