Finalizan os traballos de pavimentación na rúa Quiroga Ballesteros
O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, informou da finalización dos traballos de pavimentación na rúa Quiroga Ballesteros, e do inicio da ampliación desta actuación no treito de Santo Domingo. Rubén Arroxo destacou “a mellora desta zona do casco urbano de Lugo, onde se gañou un importante espazo peonil”, e explicou que ”unha vez se remate a pavimentación deste treito, colocarase o mobiliario urbano da nova zona peonil do centro da cidade”
Os traballos a realizar na parte baixa de Santo Domingo consisten en intervir no treito de dobre curva que se atopa pegado á saída do aparcadoiro soterrado. Esta ampliación non suporá un custo a maiores dado que se puido cubrir co orzamento da obra. Rubén Arroxo explicou que “con esta ampliación gañaremos uns 120 metros cadrados de espazo humanizado, sen supoñer un custo a maiores no prezo final da actuación”.
O Tenente de Alcalde afirmou que “malia que este treito non estaba contemplado no proxecto, unha vez recibimos o visto bo por parte dos técnicos municipais tomamos esta decisión”, e destacou “o bo ritmo ao que avanza a actuación, que en poucas semanas permitirá gañar un espazo peonil moi importante no centro de Lugo”.