Fingoi de Abaixo contará cun modelo de plataforma única con preferencia peonil
Rubén Arroxo informou que no día de hoxe se aprobará a transformación de Fingoi de Abaixo, cun proxecto co que se busca mellorar a accesibilidade do barrio e no que se aposta polo modelo de plataforma única con preferencia peonil, "dado que se trata dunha zona na que o tráfico maiormente é residencial”, explicou Rubén Arroxo. O modelo de Plataforma Única, permitirá adicar o espazo ao tránsito peonil, sen afectar á dispoñibilidade de prazas de estacionamento.
Na actualidade, as beirarrúas da zona non chegan a cubrir o ancho mínimo esixido pola lexislación, e o asfalto conta cunha banda de rodadura moi deteriorada, o que afecta tanto á seguridade viaria como á capacidade de evacuación de augas pluviais.
A Xunta de Goberno Local aprobará hoxe a apertura do procedemento de licitación desta actuación, que terá un orzamento máximo de 147.677,77 euros e un prazo de execución de 4 meses. Xunto coa transformación da zona, renovarase tamén o alumeado público, avanzándose na implantación de luminarias LED, que contan con consumos inferiores ás luminarias instaladas actualmente, e terán unha tonalidade máis agradable que a actual.