Firmado o protocolo que permitirá a integración do PAC no centro de saúde de Outeiro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
O acordo prevé ampliar en case 335 m2 o edificio do actual centro de saúde para dar cabida ao Punto de Atención Continuada.
firma convenio centro saude outeiro de rei
5 Maio 2022

O acordo prevé ampliar en case 335 m2 o edificio do actual centro de saúde para dar cabida ao Punto de Atención Continuada, dotalo de máis espazos e integrar tamén a base da ambulancia localizada.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración entre ambas administracións para a execución das obras de ampliación do centro de saúde deste concello para integrar nel o Punto de Atención Continuada (PAC). Na sinatura estiveron acompañados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares e pola tenente de alcalde de Outeiro de Rei, Begoña Seco.

A ampliación do centro de saúde de Outeiro de Rei figura na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021. Na diagnose do Plan priorizouse a necesidade asistencial de integrar estes dous puntos de asistencia sanitaria nun mesmo espazo así como de ampliar os espazos do actual PAC, situado nun edificio construído en 1981 como casa do médico e con dimensións e distribución pouco funcionais para o seu uso sanitario.

Nese sentido, formulouse un plan funcional que prevé unhas novas instalacións de 334,6 m2, cun maior tamaño das consultas de medicina e enfermería e da sala de observación que alberga o box de críticos así como a incorporación de novos espazos como unha sala polivalente ou vestiarios, ademais de integrar tamén a base da ambulancia localizada.

Estas novas instalacións prevense construír de xeito anexo ao actual centro de saúde. O protocolo asinado hoxe dá cobertura legal ao Concello para comezar o proceso de adquisición da parcela lindeira ao actual centro de saúde e compromete á Xunta de Galicia a executar as obras de reforma e ampliación do centro de saúde de Outeiro de Rei unha vez posta a disposición a parcela necesaria.

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 99 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre mais de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as 5 que están en marcha (construción do CIS de Lugo e do CIS de Lalín e reformas en Arnoia, Ribadavia e O Porriño) En total, a Administración autonómica investiu, nestes 13 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Lugo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Carballedo, Sarria, Monterroso ou O Saviñao.

Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Palas de Rei, Xermade ou Portomarín.

Para continuar con este esforzo, en 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Lugo, prevé a construción de seis novos centros de saúde e seis reformas e ampliacións.

Así, a fase 0 do Plan contempla a construción do novo centro de saúde de Antas de Ulla, do que está aprobado xa o proxecto arquitectónico e cuxa obra será encomendada á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI).

Na fase 1 contémplanse novos centros en Pantón, Ribadeo e no barrio do Sagrado Corazón en Lugo así como a reforma do centros de saúde de A Milagrosa en Lugo (cuxa redacción de proxecto xa foi encomendada á AXI), as reformas e ampliación de Meira (para a que se está a tramitar xa un convenio co concello) e esta ampliación de Outeiro de Rei.

Na fase 2 proxéctanse a construción de novos centro en Guntín e Becerreá e as reformas dos de Foz, Ribas de Sil e do da Praza de Ferrol en Lugo.

0.17016410827637