Folgueiro, Riotorto e Brollón clasifícanse para semifinais da Copa Deputación

A Copa Deputación xa ten tres equipos clasificados para as semifinais da categoría, que se celebrarán unha vez rematada a Liga, xa entrado o mes de xuño. Só queda por resolverse o enfrontamento entre o San Roque e o Becerreá, programado para mediados de maio.
Na xornada deste domingo disputáronse tres encontros decisivos, nos que os dous conxuntos da Terceira que aínda permanecían na competición quedaron fóra da loita polo título. O Folgueiro foi contundente fronte ao Cazás, cun triunfo por 0-4. O primeiro tanto chegou desde os once metros xusto antes do descanso, e o segundo nada máis comezar a segunda metade, abrindo a porta a un final cómodo para sentenciar o resultado.
O outro equipo de Terceira en liza, o Goiriz, tivo unha saída complicada ante un Riotorto moi entonado nos primeiros minutos. Ao descanso o marcador xa reflectía un 0-2, que se ampliou a 0-3 nada máis reanudarse o xogo. Malia o golpe, os locais non baixaron os brazos e recortaron distancias con dous goles —o primeiro tamén de penalti— xerando incerteza nun tramo final no que ambos tiveron ocasións, pero sen máis variacións no resultado (2-3).
Pola súa parte, o Paradela e o Brollón protagonizaron un encontro moi equilibrado, que rematou sen goles no tempo regulamentario, reflexo da súa semellante traxectoria na Liga, onde só os separan sete puntos. O pase tivo que decidirse na quenda de penaltis, onde os da Pobra foron máis efectivos e impuxéronse por 4-5.