Formoso reúnese con Galicia Baleira para escoitar as reivindicacións do colectivo

LugoXa
Formoso recolle as demandas da plataforma Galicia Baleira para mellorar as infraestruturas, sanidade e fiscalidade no rural
Formoso Galicia Baleira Lugo
27 Maio 2022

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso recolleu onte as reivindicacións da Plataforma Galicia Baleira no tocante á mellora das infraestruturas, os servizos sanitarios, a atención aos maiores ou a fiscalidade no rural.

Formoso valorou as aportacións do colectivo e sinalou que as reivindicacións terán reflexo no programa electoral dos socialistas galegos. Así o dixo nun encontro co responsable do colectivo, Jesús Vázquez Varela, así como dunha trintena de colectivos e entidades, na sede da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, no que tamén participaron a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a deputada provincial Pilar Porto.

O responsable socialista recolleu as principais demandas destes colectivos como parte dun amplo dossier coas demandas, que integrará no proxecto dos socialistas galegos para o interior galego.

A táboa reivindicativa presentada pasa pola mellora das conexións ferroviarias entre Lugo e Ourense e entre a capital da provincia e A Coruña, así como a conexión por autovía de Lugo con Santiago e Ourense. Formoso coincidiu na necesidade do reforzo da sanidade pública no interior de Galicia e a urxencia de presentar medidas para resolver o colapso da atención primaria.

Os socialistas coinciden tamén, engadiu, na necesidade de implantar residencias de maiores con xestión pública e medidas económicas e unha fiscalidade específica para o rural galego. Formoso salientou a necesidade de implantar cláusulas demográficas na contratación pública, para primar ás empresas que inclúan nos seus proxectos o asentamento nas zonas máis despoboadas.

0.12445092201233