Foron entregados os diplomas por participar nos cursos gratuítos dos hortos urbanos da Deputación

Preto de 100 veciños e veciñas de Lugo recibiron os diplomas acreditativos que recoñecen a súa participación nas formacións gratuítas dos hortos urbanos da Deputación de Lugo nun acto celebrado na contorna do río Rato.
“Desde a Deputación poñemos a disposición da cidadanía unha ampla programación formativa gratuíta coa que a veciñanza da provincia pode formarse en diferentes ámbitos de interese xeral, así como noutros temas relacionados coa importancia do coidado do medio ambiente ou a agricultura ecolóxica”, argumentou o mandatario provincial, José Tomé, que explicou que “con esta iniciativa promovemos o benestar e a sustentabilidade entre a veciñanza, fomentamos hábitos de vida saudables e ofrecemos formacións gratuítas de especial interese para os participantes”.
Tomé Roca lembrou que a Deputación pon á disposición da cidadanía, de xeito gratuíto, estes hortos urbanos no Paseo do Río Rato e que as persoas usuarias destes espazos teñen formacións internas permanentes destinadas a mellorar os cultivos. “Nestes momentos temos a pleno rendemento este proxecto, pois están activas 140 parcelas públicas na contorna do Rato”, valorou.
Pola súa banda, Miguel Fernández felicitou ás persoas que recibiron os diplomas porque “con elas contribuídes a fomentar aspectos tan importantes no noso municipio como son a agricultura ecolóxica e o coidado das nosas zonas verdes”. Ademais, agradeceu á Deputación “a súa sensibilidade co noso municipio á hora de levar a cabo este tipo de iniciativas formativas como son os hortos saudables, porque serven para reafirmar o no noso modelo de cidade; avanzar nese cinto verde que rodea Lugo e mellorar unha urbe que creo que se distingue precisamente polo seu rico patrimonio natural”.
Por último, Miguel Fernández puxo en valor “este tipo de iniciativas, que favorecen o lecer medioambiental e os hábitos de vida saudables, así como a socialización”.
As actividades continuarán este mes de xuño e que están abertas a todas as persoas que desexen participar, con temáticas tan diversas como a iniciación á micoloxía, técnicas sostibles de condución 4x4 en ámbitos forestais, cociña ou novas tecnoloxías.