Fortalecer a marca 'Lugo, Cidade Universitaria' e rematar a Avenida Vila Verde, entre as propostas do PP de Lugo
O Grupo Popular de Lugo presentará no próximo pleno municipal unha serie de iniciativas destinadas a "aproveitar o potencial universitario da cidade, solucionar problemas de mobilidade e recuperar espazos públicos en estado de abandono".
A portavoz do PP, Elena Candia, subliñou que estas propostas buscan "deseñar o Lugo do futuro", integrando o coñecemento académico en proxectos municipais, mellorando a conectividade urbana e fomentando unha administración máis eficiente e accesible para a cidadanía.
Un dos puntos clave das iniciativas do PP é fortalecer a marca Lugo, Cidade Universitaria, impulsando convenios específicos que permitan integrar o talento do Campus Terra nos proxectos municipais. A formación popular aposta pola creación de bolsas de traballo con empresas locais e a oferta de prácticas remuneradas no Concello, favorecendo a inserción laboral da mocidade. "Investir no talento local é investir no futuro de Lugo. Mentres outras cidades avanzan neste eido, o goberno local segue externalizando estudos clave a empresas de fóra que descoñecen a nosa realidade", criticou Candia.
En materia de mobilidade, o PP reclama a finalización da Avenida Vila Verde, unha rúa que conecta Catasol con Sanxillao e que aínda conta cun tramo central sen urbanizar. A formación denuncia que o Concello puido ter resolto esta situación hai anos, pero segue sen actuar. Ademais, consideran que abrir esta rúa non exime da necesidade de crear un novo aparcadoiro en Fontiñas, coincidindo as súas reivindicacións co BNG. "O Concello debe liderar este proxecto, activando os mecanismos necesarios para redactar e aprobar os proxectos de planeamento, reparcelación e urbanización", indicaron.
Outra das iniciativas populares busca revitalizar a zona de Recatelo e mellorar o Parque de Rosalía, un espazo de gran valor para os lucenses que, segundo denuncian, presenta un estado de abandono. O PP propón un programa permanente de conservación para garantir o coidado deste Ben de Interese Cultural e accións de dinamización social e económica do barrio de Recatelo.
Por último, froito dunha reunión cos representantes do Colexio de Xestores Administrativos, o PP levará ao pleno unha proposta para modernizar as aplicacións do Concello, facéndoas máis intuitivas e dinámicas. Tamén demandan que se recoñeza aos xestores administrativos como representantes dos seus colexiados, facilitando o acceso a documentos clave como certificados de empadroamento ou cartas de pago de anos anteriores. "Unha administración moderna e eficaz é esencial para unha cidade que quere avanzar. É preocupante que o Concello de Lugo continúa operando con ferramentas obsoletas que dificultan as xestións diarias dos veciños e profesionais", concluíu Candia.