Fran Abelleira: “O Real Aeroclub de Lugo está protexendo un patrimonio que é de todos”

Jessica Fernández
Como xorde a idea de levantar o Real Aeroclub de Lugo?
O aeródromo xorde nos anos 40, no contexto do Sistema Consol, que era un sistema de radio detección que utilizaba o Exército do Aire para posicionar e seguir os barcos e avións que pasaban polo Atlántico e o Cantábrico. Entón, a Terra Chá era unha localización excelente, pola súa proximidade á costa e a boa orografía da zona. Así, como a tecnoloxía era alemá e necesitaba un mantemento, substituír pezas para seguir mantendo o sistema Consol, déronse conta de que era moito máis cómodo traer as pezas e os enxeñeiros desde Alemaña. Polo que o que fixeron foi preparar unha zona para aterrar con avións. Así, montaron unha pista de aterraxe con tres hangares, dos cales un deles aínda queda o orixinal. Posteriormente, cando se abandona o sistema, nos anos 50, o Ministerio de Defensa dáse conta de que ten alí tres hangares que non están a usar para nada, polo que comezan a desmontalos, dous deles con éxito. O alcalde de Lugo daquela época, Ramiro Rueda, xunto a outro grupo duns 12 persoas déronse conta de que, para evitar o desmantelamento do último hangar que quedaba alí, tiñan que moverse rápido. Foron a Madrid, solicitaron permiso ao Ministerio para que non desmontasen ese hangar e llo deixasen para crear unha escola de pilotos e poder así divulgar a afección ao voo. É nese momento, sobre o ano 1959, cando se constitúe o Real Aeroclub de Lugo, que conta ata o día de hoxe cunha concesión para poder usar dito espazo. E así comezaron, pouco a pouco, mercando avionetas co seu propio diñeiro, e solicitando ao RACE (Real Aeroclub de España) un avión para formar a futuros pilotos, así nace a escola de pilotos e o Aeroclub como o coñecemos hoxe en día, que é un sitio onde veñen afeccionados ao voo que queren conseguir a súa licenza de piloto, ou voan nun avión do club por afección. Cómpre destacar que cando estaban facendo as obras do aeroporto de Santiago nos anos 50, Lugo foi o único aeroporto de Galicia durante catro anos. Así, o voo que se facía Madrid-Santiago, aterraba en Lugo e desde alí levábase á xente en autobuses a Santiago.
Como é o Aeroclub hoxe?
Agora mesmo estamos nun momento positivo, tivemos uns anos cun pequeno parón na escola de pilotos, pero cando asumín a presidencia o meu primeiro obxectivo foi poñer en valor a escola de pilotos, porque para min é moi importante. A difusión do voo é primordial, ademais de que eu veño dunha saga familiar na que todos voamos, e esa faceta do aeroclub é moi importante. Así, conseguín traer un instrutor de Madrid e agora mesmo temos unha escola de pilotos con 10 alumnos, polo que vai moi ben. Somos sobre 150 socios que veñen ás instalacións recreativas de voo e piscina, e ademais temos unha galería de tiro, que acolle o club de tiro do Real Aeroclub de Lugo, que suma outros 750 socios, polo que, en total, das modalidades deportivas que temos no aeroclub, somos máis de 900 socios. Cómpre resaltar a importancia e peso do club de tiro do Real Aeroclub de Lugo, xa que gañan campionatos autonómicos, nacionais e mundiais.
Como valora este tempo como presidente?
O meu tío avó foi un dos fundadores, o meu avó daba instrución aos alumnos nos anos 60, o meu pai foi presidente do aeroclub durante 40 anos e o ano pasado, en 2024, o meu pai decidiu retirarse e eu vinme co compromiso de seguir co legado, porque para min o aeroclub é super importante, eu nacín alí, comecei a voar alí de neno e non concibo a miña vida sen o aeroclub. Estou contento porque o aeroclub vai ben, porque a escola de pilotos vai ben, pero é certo que dá moito traballo, as relacións coa administración son laboriosas, e quita moitas horas. Entón, poñéndoo nunha balanza, claro que me sae positivo, pero polo amor familiar, a tradición, e o amor ao voo. Pero realmente é moi complicado, porque fágoo como afección, e estar lidando coa administración, coa AESA, co Ministerio de Defensa… só como unha afección, é complicado, pero si, estou contento.
Contan con axudas?
O aeroclub é unha entidade deportiva sen ánimo de lucro, mantémonos coas cotas dos socios e obtemos ademais unha axuda, grazas ao polo tecnolóxico que instaurou a Xunta de Galicia, e o centro de investigación que ten o INTA, que depende do Ministerio de Defensa, que nos axudan cunha parte dos gastos de xestión aeronáutica, porque nós somos os xestores aeronáuticos do campo, e encargámonos ademais do mantemento das servidumes aeronáuticas, que se chaman. O Aeroclub de Lugo é o responsable de manter as instalacións, a pista e toda a zona de voo, que inclúe o espazo aéreo de ata 5 concellos distintos (Lugo, Outeiro de Rei, Pol, Castro de Rei e A Pastoriza). Temos ademais axudas a nivel institucional por parte da Deputación de Lugo e do Concello de Castro de Rei para organizar o Critérium Aeronáutico de Galicia, pero é unha pequena parte, xa que o evento nos custa máis do que ingresa, pero é un “escaparate” moi importante para achegar a aeronáutica ao público.
Entón, cales son as necesidades?
Isto sen diñeiro é inviable de soster, xa que somos un club sen ánimo de lucro e imos investindo nos avións, as instalacións... Os socios pagamos un pouco o custo do que é manter todo isto. Pero hai que ter en conta que o Aeroclub de Lugo está protexendo o que é un patrimonio de todos, porque ese hangar dos anos 30, ese aeródromo en xeral feito polos alemáns para dar un servizo a un sistema de teletransmisión dos anos 40, iso é patrimonio de todos. E ademais son os inicios da aviación no noso país. O Aeroclub de Lugo é parte dos inicios da aviación nacional. A verdade é que me gustaría obter un maior apoio por parte da administración.
Fálenos máis a fondo do Critérium para quen non o vivise.
Durante o Critérium, ademais das exhibicións de profesionais do voo, temos paracaidismo, globo aerostático, avións acrobáticos, aeromodelismo… que só veñen a fin de semana do festival. O noso evento, por exemplo, coincide co de Xixón. Eu este ano trouxen a Camilo Benito, que se dedica a facer exhibicións aéreas, pero aquí ti coñéceo e voas con el, algo que nos diferencia. Porque ti podes ir ao festival de Xixón e ver como fan unha táboa acrobática sobre a praia de San Lorenzo, pero no Critérium aeronáutico súbete ao avión co piloto, é unha experiencia única. A min ponme a pel de galiña ter este privilexio en Lugo. O Critérium aeronáutico permíteche subir ao avión, saltar en paracaídas ou facer un voo acrobático con eses pilotos acrobáticos que van a eses festivais a nivel nacional e internacional.
Que máis actividades teñen durante o ano?
Ao longo do ano temos a escola de pilotos, temos avións a disposición dos socios para que poidan voar a un prezo moi económico, temos a piscina, a galería de tiro e un restaurante. O aeroclub tamén presta os voos de introdución, os coñecidos como bautismos do aire, durante todo o ano. Unha das nosas principais funcións é a de promocionar e difundir a afección ao voo. Non só para os pilotos, para calquera persoa que se achegue ao aeroclub, pode encargar un voo turístico e ver Galicia desde o aire, é espectacular ver Lugo, ou os canóns do Sil, a praia das Catedrais… temos unha paisaxe espectacular. O prezo varía dependendo das persoas que sexan e o tipo de avión que usamos.
Con respecto ao futuro, que proxectos teñen?
Eu, proxectos, teño moitos. Hai moitas ramas polas que tirar na aeronáutica. Gustaríame montar unha escola de piloto de ultralixeiros. Pero claro, para iso necesito ter un instrutor, mercar un ultralixeiro, que custa sobre os 100.000 euros, e é un diñeiro que non teño. E con respecto a globos aerostáticos, estou en conversas cunha empresa para que veñan aquí a Lugo, e poder ofrecer viaxes en globos aerostáticos durante o ano. Prevención de futuro haina, porque son novo e teño moita esperanza e confío enormemente no potencial do aeroclub. Pero temos que ir paso a paso, pouco a pouco. Todo leva moito tempo, xestións coa administración, permisos da AESA... Entón, agora no curto prazo, seguir apostando fielmente pola escola de pilotos e tentar montar as viaxes en globo aerostático. E, despois, de cara ao futuro, aeromodelismo, aeroestación, ala delta, paracaidismo, paramotor, parapente, voo a vela, voo acrobático, etc. Dentro da aviación hai moitas ramas que tocar. Entón, podemos tirar por moitos lados de cara ao futuro.