Francis Alonso pecha a cuarta edición do ciclo Luz ao deporte en Lugo

Francis Alonso, xogador do CB Breogán, foi o encargado de clausurar a cuarta edición do ciclo Luz ao deporte, unha iniciativa promovida pola Fundación Breogán co apoio da Xunta de Galicia. O encontro tivo lugar no salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e puxo o peche a un programa desenvolvido ao longo do último trimestre do ano.
Á charla asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen subliñou o valor formativo deste tipo de encontros para a mocidade, destacando que os deportistas de elite achegan testemuños reais nos que se reflicten non só os éxitos acadados, senón tamén o esforzo constante e o traballo continuado que hai detrás de cada carreira profesional.
Alonso incorporouse esta tempada ás filas do CB Breogán procedente do Estudiantes. A súa formación comezou na canteira do Unicaja Málaga e ao longo da súa traxectoria pasou por equipos como o Bilbao Basket, o Fuenlabrada e o Oviedo, ademais de contar cunha etapa no baloncesto estadounidense no Instituto Cushing Academy e na Universidade de Greensboro. O xogador tamén foi internacional con España en todas as categorías.
O ciclo Luz ao deporte contou nesta edición con outros relatores destacados do panorama deportivo, entre eles o excapitán da selección española de rugby Jaime Nava, os triatletas Jarno Pousada e Antonio Serrat, e a piragüista Tania Fernández. As sesións estiveron dirixidas a estudantes de distintos centros educativos, entre eles o CEIP Anexa, o CEIP de Nadela, o CIFP Politécnico, o CPR Divina Pastora-Salesianos e o colexio San Lourenzo.