Francis Alonso, xogador do CB Breogán: “O ambiente do Pazo é algo que hai que vivir”

LugoXa
O escolta malagueño repasa a súa traxectoria, o seu paso por Estados Unidos e a súa experiencia en Lugo e no CB Breogán
Francis-Alonso-CB-Breogán
Imaxe cedida polo Club Baloncesto Breogán
3 Apr 2026

Diego Rouco

Na historia do Club Baloncesto Breogán, varios xogadores vestiron a camiseta da Selección Española, como Manel Sánchez, Javi Rodríguez, Sergi García ou Eric Vila. Esta tempada, engadimos un xogador máis a esta lista.

O seu nome é Francisco Fernando Alonso Martínez (Málaga, maio de 1996), pero é coñecido deportivamente como Francis Alonso, xogador de CB Breogán desde xullo de 2025.

A que idade comezou a xogar a baloncesto?

Comecei moi pequeno e dunha forma moi natural, xa que pertenzo a unha familia con moito deporte. O meu pai é adestrador e o meu irmán tamén xogaba na canteira de Unicaja. Así que, desde que teño recordo, houbo balóns de baloncesto e canastras ao meu arredor.

En cantos equipos xogou?

Formeime en Unicaja ata que apareceu a opción de ir a Estados Unidos. Alí xoguei no instituto e na universidade. Ao regresar pasei por Fuenlabrada, Oviedo, Málaga, Bilbao e Estudiantes de Madrid, ata chegar ao Breo.

Despois de estudar e xogar en EE. UU., que diferenzas atopa co xogo en Europa e, en concreto, coa ACB?

É posible que cada vez existan menos diferenzas, pero quizais en Europa o xogo sexa máis táctico e na NCAA prime moito máis o físico, a velocidade e o xogo individual.

Cal é o mellor recordo que ten da súa traxectoria ata hoxe?

Intento quedarme co bo de cada etapa e considérome afortunado de ter tomado decisións como cruzar o charco e ir a Estados Unidos. Foi unha gran experiencia que, sen dúbida, marcou a miña forma de ser persoal e profesional. Pero de cada equipo e de cada cidade levo cousas. Poder xogar na miña cidade, Málaga, por exemplo, é algo moi especial.

Como remata un malagueño fichando por un equipo de Lugo?

Coas chamadas de Tito e de Luis, adestrador ao que xa coñecía de Málaga. Abríase a opción de vir a un sitio onde o equipo ten unha gran importancia e onde a cidade se entrega. Algo que xa comprobara as veces que vin como visitante.

Agora que leva un tempo na cidade, que é o que máis lle gusta de Lugo?

É unha cidade tranquila e moi agradable. Por suposto, hai que visitar a Muralla Romana e o casco histórico. Ten tamén un contorno natural espectacular.

Que destacaría da afección do Breogán?

É espectacular. Apóiante moito antes de comezar o partido e tamén transmiten o seu agarimo na rúa e a través das redes sociais. O ambiente do Pazo é algo que hai que vivir.

Como é traballar con Luis Casimiro?

É un adestrador con moita experiencia e coñecémonos moi ben. Sabe dar confianza sendo moi esixente e ten unha gran capacidade para motivar o equipo, mantendo os pés na terra, buscando o mellor de cada un e o mellor para o grupo.

Cando en novembro recibiu a chamada da Selección Española, que foi o primeiro que lle pasou pola cabeza?

Sempre é unha honra e un recoñecemento ao traballo diario que te chamen da Selección do teu país. Foi unha gran alegría e tamén unha responsabilidade.

Cal é a aposta de Francis Alonso como equipo gañador da ACB esta tempada… que non sexa o Breogán?

É unha pregunta moi difícil. Vese na Copa que calquera dos equipos que están arriba pode loitar polo título. Non me atrevo a dar un prognóstico, pero vista a igualdade e a calidade dos cadros de xogadores, será un título con enorme mérito para o campión.

0.12558102607727