Francisco Otero presentou a súa candidatura no Corgo polo PSOE
O candidato do PSdeG para as municipais do próximo 28 de maio destacou nun encontro celebrado entre a candidatura, afiliados e simpatizantes que as súas prioridades son frear a perda de poboación, atender aos maiores, levar os servizos básicos a todas as parroquias e pelexar por asentar a ESO no centro escolar do concello.
A Agrupación Socialista do Corgo presentou este venres a candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais do 28 de maio e que encabeza Francisco Otero. “Imos loitar e traballar para que O Corgo sexa o mellor concello da contorna”, asegurou o candidato do PSdeG nun encontro que tivo lugar no Restaurante Playa da localidade entre a candidatura, afiliados e simpatizantes.
A alcaldesa de Lugo e Vicesecretaria Xeral do PSdeG, Lara Méndez, e o deputado no Congreso e número 4 na lista dos socialistas polo Corgo, Javier Cerqueiro, acompañaron a Otero nesta cita á que asistiron outros responsables orgánicos do partido e ducias de militantes, simpatizantes, e veciños e veciñas do concello e da comarca.
“Temos unha situación xeográfica envexable en comparación cos municipios do noso redor, pero pola contra, as políticas que se levaron a cabo todos estes anos non foron capaces de poñernos ao nivel que o noso concello e todos nós como veciños e veciñas merecemos”, sinalou o candidato socialista.
Francisco Otero explicou que no Corgo “seguimos perdendo habitantes e os nosos rapaces e rapazas non encontran os alicientes necesarios para que se queden aquí”. Nese sentido, o candidato á Alcaldía apuntou que as súas prioridades son frear a perda de poboación, atender aos maiores e levar os servizos básicos a todas as parroquias. Respecto do colexio foi claro ao afirmar que “nunca debemos permitir que non se asentara a ESO no centro escolar do concello e loitaremos para reverter esa nefasta decisión”.
Un equipo moi ligado ao territorio
“Acompáñame un equipo de xente unida, comprometida e ambiciosa. Veciños e veciñas moi ligados ao territorio, persoas vencelladas a asociacións e profesionais de todo tipo”, destacou Francisco Otero da candidatura que encabeza. Persoas con ganas de dinamizar un municipio no que a poboación está moi dispersa e no que “convén chamar a todas as portas”.
Ao respecto diso, apuntou a importancia de levar na lista ao Deputado no Congreso Javier Cerqueiro, “porque nos sitios pequenos necesitamos o respaldo doutras administracións e trátase dun valor engadido que ten a nosa candidatura”.
Precisamente nese sentido o propio Cerqueiro asegurou que “estamos nun tempo de retos demográficos e sociais moi importantes e hai fondos para afrontalos, pero hai que presentar proxectos para poder optar ás diferentes axudas. Nós temos equipo, ganas e ilusión para facelos e tamén a posibilidade de movelos en Madrid”.
Valorou o Deputado no Congreso a Francisco Otero asegurando que “é un candidato novo, que coñece o pobo, que ten resistencia política e que, sobre todo, sabe traballar e xestionar equipos”.
Candidatura do PSdeG ás eleccións municipais do Corgo
A candidatura socialista do Corgo está composta polos seguintes candidatos e candidatas:
- Francisco Otero Besteiro
- Roberto Besteiro Queizán
- Alba Salvador López
- Javier Cerqueiro González
- María Elena Roldán Fernández
- Raquel Expósito Jato
- Mónica Díaz Mosquera
- Bernardino Castro López
- Otilia Herbón Fernández
- José Benigno Núñez Doval
- Elías López Vila
Suplentes: Maximino Marey Muíña, Cristina Pérez López e José Miguel Vázquez Calvo.