Francisco Otero será o candidato do PSOE á Alcaldía do Corgo

LugoXa
Francisco Otero, portavoz socialista no concello do Corgo, será o candidato á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio
PSOE Corgo
28 Feb 2023

Francisco Otero, portavoz socialista no concello do Corgo, será o candidato do partido á Alcaldía nas vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. A militancia do municipio revalidou nunha asemblea por unanimidade a confianza en Otero, que concorreu por primeira vez ós comicios locais en 2019.

O secretario xeral da agrupación local e deputado no Congreso, Javier Cerqueiro, destaca a “forza e ilusión” coa que afrontan os socialistas do Corgo este proceso, apostando “polo traballo en equipo e un novo modelo de relación coas parroquias para darlle ó noso concello o impulso que necesita despois de anos sen iniciativas nin proxectos novos”.

Francisco Otero agradeceu a confianza dos militantes e amosou o seu desexo de levar adiante “un proxecto que converta ó Corgo nun lugar de oportunidades e rache coa sensación de desarraigo que están xerando as malas políticas do Partido Popular”.

O candidato sinalou que os populares toman como escusa a extensión do concello – 38 parroquias nunha superficie de 157 km2 – para facer unha xestión “que non escoita a ninguén e que busca acentuar as discordias en favor dos seus intereses partidistas”.

“Moitos veciños e veciñas senten máis identificación con concellos veciños que co propio seu, e iso é co que queremos acabar”. Para recuperar esa sensación de pertenza “e levar adiante un proxecto de mellora para todos e todas”, Francisco Otero quere "colocar a atención ás parroquias no centro da política municipal, celebrando Xuntas de Goberno do Concello en locais das asociacións das diferentes parroquias”.

Outros proxectos do programa socialista son a construción dun edificio multiusos e a creación dun parque lúdico-deportivo. “Queremos dinamizar o ocio e a vida cultural do Corgo. Precisamos espazos comúns que faciliten a práctica do deporte, que poidamos celebrar xuntos festas ou eventos de promoción da gastronomía. O PP fomenta a dispersión e enfronta os intereses das parroquias como cortina tras da que agochar a súa falta de xestión. Nós queremos recuperar o orgullo de pertenza ó Corgo e a capacidade de traballar xuntos para, escoitando as reivindicacións de cada parroquia, conseguir obxectivos comúns que melloren a calidade de vida dos veciños e veciñas do noso concello”.

0.19735598564148