Francisco Xavier Fernández Dávila gaña o Certame de Narración Curta Ánxel Fole

LugoXa
O xurado destacou en 'Principio de Superposición' que “inclúe unha técnica narrativa que ten un dialogo fragmentario nun conxunto coral”
xurado-premio-anxel-fole
21 Jun 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu a xuntanza do xurado do XXVII Certame de Narración Curta Ánxel Fole, que anualmente organiza o Concello de Lugo xunto coa colaboración de Edicións Xerais de Galiza. Maite Ferreiro destacou este certame como "unha cita consolidada xa no calendario cultual galego, co que anualmente descubrimos novas historias de gran calidade". A obra Principio de Superposición, da autoría de Francisco Javier Fernández Davila, foi a escollida polo xurado nesta edición, que recibirá un premio de 2.000 euros e a obra será publicada por Edicións Xerais de Galiza.

A obra Principio de superposición destacou sobre as demais, a xuízo das integrantes do xurado, "porque nos descobre a capacidade para crear personaxes que recollen a homofobia feminina na idade da adolescencia, facendo un estudio da sociedade e do ensino, cunha técnica narrativa que conxuga o dialogo fragmentario nun conxunto coral".

O xurado contou coa artista multidisciplinar, Luz Darriba, a escritora e crítica, Miriam Beizana, e a literata Ánxela Gracián.

Miriam Beizana é crítica literaria e acude en representación de Edicións Xerais de Galiza. Entre a súa obra destacan Marfariña (2015), Todas la horas mueren (2016), Inflorescencia (2018) e A soidade das nenas (2024). Naceu na Coruña, pero pasou a súa infancia en Carballo. Traballa na administración orientada ao sector industrial, aínda que leva escribindo desde moi nova.

Luz Darriba Magadán, nada en Montevideo en 1954, é unha artista uruguaia que cultiva varias disciplinas como a pintura, ilustración e a escritura. Desde 1990 reside en España, país do cal ten a nacionalidade. A súa popularidade débese en parte ás súas macroaccións urbanas, que comezaron no ano 2000 con Cumulum, un proxecto que rodeou os 2300 metros de perímetro da muralla romana de Lugo con máis de medio millón de libros, para que este monumento fose declarado patrimonio da humanidade pola Unesco, obxectivo finalmente logrado a finais dese mesmo ano.

Ánxela Rodríguez Rodríguez, nada en San Paio de Arcos (Castroverde) o 1 de marzo de 1968, é unha escritora galega, máis coñecida polo pseudónimo de Ánxela Gracián. É unha licenciada en filoloxía galego-portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, escritora, tradutora, editora, crítica literaria e dinamizadora cultural. Autora de literatura infantil e xuvenil, traduciu Memorias de Hadrián de Marguerite Yourcenar e a diversos autores de literatura infantil ao galego. Desde 1996 traballou no Servizo de Tradución da Xunta de Galicia.

 

⚙ Configurar cookies
0.11712694168091