Friol acolle a presentación de Movegandex, unha nova asociación que aposta pola gandaría extensiva

LugoXa | TerraChaXa
A conselleira do Medio Rural destacou que o proxecto une o aproveitamento forestal, a gandaría extensiva e o desenvolvemento local, contribuíndo á prevención de incendios e á conservación da biodiversidade
asociación-Movegandex-Friol
7 Nov 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou en Friol na presentación da Asociación de Montes Veciñais con Gando en Extensivo (Movegandex), unha iniciativa que, segundo subliñou, reforza o papel da gandaría extensiva como ferramenta esencial na xestión da biomasa e na prevención dos incendios forestais.

Durante o acto, Gómez salientou que Movegandex representa a unión entre o aproveitamento forestal, a gandaría extensiva e o desenvolvemento local, poñendo en valor o traballo que realizan as comunidades de montes, das que Galicia conta con arredor de 3.000, encargadas de coidar e xestionar máis de 660.000 hectáreas de terreo.

A titular de Medio Rural destacou tamén o “valor inmenso” da gandaría extensiva, xa que os animais criados en liberdade contribúen á conservación do medio natural e á preservación do patrimonio xenético galego mediante o uso de razas autóctonas.

Así mesmo, lembrou proxectos como Pastando en Rede, promovido pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con empresas enerxéticas e no que tamén participou o concello de Friol. Este programa, explicou, demostrou que o gando pode ser unha ferramenta eficaz para controlar a biomasa, ao tempo que xera beneficios ambientais e económicos.

En definitiva, Gómez incidiu en que a creación de Movegandex responde ao obxectivo de impulsar unha xestión sostible do monte, recuperando o pastoreo tradicional como vía para coidar a natureza, mellorar a calidade do solo e conservar a biodiversidade. Ademais, reafirmou o compromiso do Goberno galego co asociacionismo forestal, promovendo fórmulas como as agrupacións de xestión conxunta para optimizar o uso e a protección dos montes.

⚙ Configurar cookies
0.075881004333496