Friol acolle a sétima edición do Friulio, a gran festa castrexo-romana do municipio os días 10 e 11 de maio


O Concello de Friol e a Asociación de Recreación Histórica A Castronela organizan unha nova edición do Friulio, un encontro entre asociacións castrexas e romanas que recrearán durante a fin de semana do 10 e 11 de maio os modos de vida, costumes e crenzas de ámbalas dúas culturas.
Nesta sétima edición volverán participar diferentes asociacións castrexas e romanas chegadas de toda Galicia e tamén de outras comunidades de España, que forman parte activa en eventos de interese turístico galego, nacional ou internacional, como o Arde Lucus ou as Guerras Cántabras.
En total este VII Friulio contará coa participación de máis de 30 asociacións de recreación histórica, música tradicional e divulgación cultural, coa colaboración das asociacións culturais de Friol, contando coa participación directa de máis de 500 persoas entre figurantes e outras funcións arredor desta festa de recreación histórica.
As actividades principais da festa volverán estar situadas en torno ó paseo fluvial, onde se establecerán o asentamento galaico e o campamento romano, grandes reclamos do Friulio e poderán ser visitados desde as 11 da mañá do sábado ata as 8 do serán do domingo.
O programa de actividades inclúe desde a recreación da vida nun castro ata a elaboración do pan e queixo, desfiles de tropas romanas, ou demostracións e obradoiros de teares castrexos, orfebrería, fiado, coiro, tintes tradicionais, peiteados, tiro con arco, xogos populares e gastronomía castrexa. E pola parte romana tamén veremos obradoiros de medicina, cuñado de moedas e comercio.
O “Asedio ao Castro” volverá ser un dos momentos máis agardados e espectaculares do Friulio, no que se recreará o asalto das tropas romanas aos castros que existían nas terras de Friol. A continuación deste, o sábado pola noite, celebrarase “A loita dos gladiadores”, unha das grandes novidades desta edición, xunto con outras actividades como o “Adestramento dun Gladiador”, a explicación da indumentaria lexionaria ou a exposición de tintes tradicionais.
Outras representacións que se repiten cada ano serán as tradicionais “Escaramuza Castrexo-Romana” e o “Descenso en balsa do río Narla” o sábado pola tarde; ou a “Liorta polo Tesouro do Castro” o domingo pola mañá.
Todas estas actividades levaranse a cabo integramente na vila de Friol, ocupando diferentes ubicacións como as inmediacións do centro e do paseo fluvial, a avenida de Santiago ou a praza de Andón Cebreiro. Para incentivar a ambientación da vila, desde o Concello de Friol vólvese convocar o concurso de escaparatismo e fachadas entre os establecementos públicos e os balcóns das vivendas. Os premios entregaranse durante os actos de clausura o domingo a mediodía, nos que ademais terá lugar un acto moi especial, co nomeamento como “Persoeiro de Honra” deste VII Friulio de Arturo Vaquero, recoñecido compositor e produtor musical, que xestiona en Friol o estudio de gravación 'Abrigueiro'.
A música volverá ter unha grande importancia este ano, coa actuación de diferentes grupos folk en distintos puntos da vila, como Xesta Verde, Tympana Gallaica, Son de Lugh ou Bloco Meigallo. Na noite do sábado celebraranse as actuacións dos grupos “Malditos Pendejos” e “The Nunzias”.
