Friol acolle a sétima edición do Friulio, a gran festa castrexo-romana do municipio

O municipio de Friol prepara xa todos os detalles para celebrar a sétima edición do Friulio, a súa destacada festa de recreación histórica castrexo-romana, que terá lugar os vindeiros 10 e 11 de maio.
O evento, que organiza o Concello de Friol en colaboración coa Asociación de Recreación Histórica A Castronela, contará coa participación de máis de 30 asociacións históricas e arredor de 500 persoas, procedentes non só de Galicia, senón tamén doutras comunidades do Estado.
O Friulio consolidouse como unha das citas imprescindibles do calendario de festas históricas, cun programa que afonda na recreación dos modos de vida, costumes e crenzas dos pobos castrexos e romanos, nun ambiente cheo de actividades divulgativas, espectáculos e experiencias inmersivas.
A zona central da festa volverá ser o paseo fluvial, que acollerá tanto o castro galaico, no que se poderá asistir á recreación de antigos oficios e á vida diaria dos habitantes dos castros, como o campamento romano, onde se mostrarán aspectos clave da organización militar e cotiá do exército de Roma.
O programa desta edición incluirá actividades como a elaboración do pan das milicias romanas, a tradicional produción do queixo de Friol, desfiles de tropas romanas, e numerosos obradoiros de oficios castrexos: desde o tear, o coiro ou a orfebrería, ata a pintura, o barro ou o tiro con arco. Tamén haberá espazo para os xogos populares e a gastronomía tradicional das dúas culturas.
Pola parte romana, os asistentes poderán descubrir obradoiros de medicina e alimentación, demostracións de armaduras, cuñado de moedas e actividades comerciais.
Entre os momentos máis destacados do Friulio estará, como cada ano, o Asedio ao Castro, unha espectacular representación na que as tropas romanas intentarán conquistar o castro galaico, recreando os enfrontamentos que tiveron lugar nestas terras hai séculos. Outras escenas teatrais incluirán a Escaramuza Castrexo-Romana, o Descenso en balsa polo río Narla, a Voda Celta e a divertida Liorta polo Tesouro do Castro.
Con esta nova edición, Friulio reafirma o seu compromiso coa posta en valor da historia e do patrimonio cultural galego, nunha festa que une divulgación, participación cidadá e entretemento para todas as idades.