Friol acolle este sábado a primeira das rutas guiadas do GDR nesta segunda edición
O GDR-4 e os concellos do xeodestino Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa (Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade) repetirán este ano as camiñadas turísticas que se estrearon o ano pasado e que se celebran co apoio de Turismo de Galicia e a dirección de Guido Guía.
Celébrase esta segunda edición avalados polo éxito do primeiro ciclo, que tivo un promedio de 127 asistentes por xornada. Friol será nesta ocasión o primeiro dos lugares onde se retomen estas rutas este sábado, 26 de outubro. Como no resto das xornadas será unha actividade gratuíta e terá como punto de arranque e final do paseo guiado a Praza Andón Cebreiro. O horario previsto é de 11.00 a 14.00 horas.
A maiores do paseo está previsto facer un xantar que contará cun menú especial con produtos da comarca, deseñado e ofrecido pola Taberna de Friol con reserva previa.
Este proxecto enmárcase nunha estratexia global do Xeodestino e o GDR-4, que xunto a Guido Álvarez Parga programan esta iniciativa que procura poñer en valor as riquezas culturais, históricas, naturais, gastronómicas e artísticas de todos os concellos deste territorio.