Friol acolle unha xornada para conectar emprendemento rural co Queixo de Friol e o Pan de Ousá

LugoXa | TerraChaXa
A iniciativa está pensada para favorecer o encontro entre profesionais e persoas interesadas en emprender neste ámbito
curso-pan-de-ousa-queixo-friol-polo
8 Mar 2026

O vindeiro xoves 12 de marzo, entre as 10.00 e as 13.00 horas, a sede do Polo de Emprendemento da Xunta de Galicia en Friol acollerá unha xornada dirixida a produtoras, produtores e persoas emprendedoras vinculadas ao sector agroalimentario rural, especialmente ás elaboracións tradicionais do Queixo de Friol e do Pan de Ousá.

A iniciativa está pensada para favorecer o encontro entre profesionais e persoas interesadas en emprender neste ámbito, co obxectivo de crear conexións, compartir experiencias e dar a coñecer os recursos de apoio existentes para impulsar proxectos no territorio.

Durante a xornada presentaranse os servizos e ferramentas que ofrece o Polo de Emprendemento, así como distintas vías de financiamento e acompañamento para iniciativas empresariais no rural. Ademais, contarase cunha mesa de experiencias na que produtoras e produtores do sector compartirán o seu percorrido e os retos aos que se enfrontan no día a día.

O encontro tamén incluirá un espazo de café e networking destinado a favorecer o intercambio de ideas e a creación de novas sinerxías profesionais entre as persoas participantes. A programación completarase cun diálogo aberto sobre o futuro do produto local, no que se abordarán cuestións como o relevo xeracional, a comercialización, a diferenciación do produto, a innovación sen perder a identidade e a importancia da colaboración no ámbito local.

A xornada busca poñer en valor o potencial do territorio e demostrar que é posible desenvolver proxectos sostibles e innovadores no medio rural partindo de produtos tradicionais e de proximidade. As persoas interesadas poden reservar a súa praza para participar nesta iniciativa orientada a impulsar o talento e o valor do sector agroalimentario local.

0.12129497528076