Friol acollerá a presentación de Movegandex, a nova asociación de montes veciñais con gando en extensivo

O Centro Sociocultural de Friol acollerá este xoves 7 de novembro, ás 10.00 horas, o acto de presentación da Asociación de Montes Veciñais con Gando en Extensivo (Movegandex), unha nova entidade sen ánimo de lucro que aposta pola xestión responsable e colaborativa do monte galego.
A xornada comezará cun café de benvida e continuará ás 10.30 horas coas intervencións institucionais do alcalde de Friol, José A. Santos Sánchez; a conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez; o representante de Movegandex, Ovidio Queiruga González; Daniel García Fernández, da Deputación de Lugo; e Rosa Mosquera Losada, da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Despois dunha pausa café ás 12.00 horas, os asistentes realizarán unha visita ao monte de Carballo ás 12.30 horas. A actividade rematará cun xantar opcional ás 14.00 horas, que require reserva previa por WhatsApp.
Movegandex xorde da unión de diversas comunidades de montes veciñais en man común que comparten unha mesma visión: integrar a actividade gandeira coa conservación da biodiversidade, a prevención dos incendios forestais e a posta en valor dos servizos ecosistémicos que ofrece o monte galego.
A asociación agarda contar coa colaboración das administracións públicas e das entidades locais para seguir impulsando un modelo de desenvolvemento sostible e de dinamización do rural baseado na gandería extensiva e no aproveitamento responsable dos recursos naturais.