Friol acollerá o Campionato de España de ciclismo paralímpico

Friol acollerá a fin de semana do 23 ao 25 de maio o Campionato de España de ciclismo paralímpico en estrada, que organiza o club Lucus Augusti co apoio fundamental da Xunta de Galicia. A proba foi presentada hoxe na Casa Consistorial da localidade nun acto no que participou o delegado territorial de Lugo, Javier Arias e no que tamén estiveron o alcalde de Friol, José Ángel Santos, e representantes do colectivo organizador, entre outros.
Organizado polo Club Ciclista Lucus Augusti e a Real Federación Española de Ciclismo, e co apoio da Xunta de Galicia, o Campionato comprenderá probas para triciclos, bicicletas, handbikes, tándems e persoas sordas.
A competición comezará o venres 23 ás 17.30 horas coa proba de relevos por equipos. O sábado disputarase a contrarreloxo individual, desde as 9.00 horas e con saída dos corredores cada minuto, e o domingo -tamén desde as 9.00 horas- a proba en liña. O circuíto percorre 9,4 quilómetros que inclúe as principais rúas de Friol: a avenida da Coruña, avenida de Santiago, avenida de Lugo e a rúa Santa Isabel.
A celebración do campionato en Friol supón a volta á provincia de Lugo da gran cita anual do pelotón adaptado estatal, despois de que Viveiro acollese a mesma proba no ano 2023.
Arias amosou a súa satisfacción “pola puxanza do ciclismo en Galicia e polos éxitos do deporte inclusivo”, destacando a medalla de bronce que logrou o ciclista coruñés Damián Ramos nos Xogos Paralímpicos de París.