Friol celebrará un curso de resolución de conflitos o día 8

O Centro Sociocultural de Friol será o escenario, o vindeiro luns 8 de setembro, dun curso de resolución de conflitos organizado por Afammer no marco do Plan Corresponsables. A iniciativa, que conta co financiamento do Ministerio de Igualdade do Goberno de España e da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, desenvolverase en horario de 16.00 a 21.00 horas e está aberta a todas as persoas interesadas en mellorar as súas capacidades de comunicación e negociación.
O obxectivo do curso é proporcionar ferramentas para identificar as causas subxacentes dos conflitos, potenciar a comunicación interpersoal e empregar técnicas de mediación e negociación que permitan acadar solucións mutuamente beneficiosas.
Ao longo da formación abordaranse cuestións como os fundamentos e a análise dos conflitos, estratexias básicas para a súa resolución, comportamentos efectivos e a importancia dunha comunicación axeitada tanto verbal como non verbal. Tamén se prestará especial atención á escoita activa e á empatía como elementos clave no proceso.
As persoas interesadas poden inscribirse previamente chamando ao teléfono 982 375 001.