Friol acolleu a fin de semana un paseo sen fronteiras organizado polo Xeodestino

LugoXa | TerraChaXa
Nesta actividade, a intención foi levar ao rural a persoas con mobilidade reducida adaptando a ruta para que fose accesible
ruta-sen-fronteiras-friol
15 Sep 2025

O pasado 13 de setembro tivo lugar en Friol o paseo sen fronteiras do Xeodestino Comarca de Lugo e Terras da Ulloa (Xeodestino que conforman os concellos de: Antas de Ulla, Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Monterroso, Outeiro de Rei, Palas de Rei, O Páramo e Rábade) co apoio da Axencia de Turismo e a Xunta da Galicia, o Concello de Friol e a Asociación Auxilia de Lugo.

Nesta actividade, a intención foi levar ao rural a persoas con mobilidade reducida adaptando a ruta para que fose accesible.

O paseo contou coa asistencia dunhas 40 persoas e foi unha ruta circular accesible para todos onde o punto de encontro foi Praza de Andon Cibreiro. A ruta tivo unha duración de 2 horas e media e percorreu o casco urbano do Concello. Ademais dos asociados de Auxilia e demais asistentes que estaban inscritos tamén asistiu o influencer, Alfredo López (pez.salvaje) que gravou a experiencia en vídeo.

O paseo foi guiado pola guía turística Carmen Delia Díaz García-Fuentes quen explicou a historia, cultura e gastronomía do Concello con paradas estratéxicas en puntos emblemáticos do municipio, como o Castro Friulio, o paseo fluvial e a Torre de Friol.

Unha vez rematada a andaina, os asistentes puideron desfrutar dunha degustación de Pan de Ousá e Queixo de Friol coa colaboración de Quesos Zolle, situada no polígono do municipio friolés.

Os asistentes quedaron moi satisfeitos de poder facer actividades tamén no rural xa que segundo comentaban as súas actividades limitábanse ao ámbito urbano.

⚙ Configurar cookies
0.10533690452576