Friol celebra o 25 de xaneiro a terceira edición da Poxa de Gando Frisón
Friol celebrará a súa terceira Poxa de Gando Frisón o sábado 25 de xaneiro, a partir das 12:00 horas, no mercado gandeiro do municipio.
Despois do éxito das dúas primeiras edicións realizadas, dende o Concello decidiron apostar por celebrar unha terceira edición.
Será unha poxa de gando frisón organizada en colaboración con Africor Lugo, que se encargarán da selección dos animais, as probas sanitarias, pelado dos animais, coidado dos mesmos durante a feira e realización da poxa.
Na primeira edición vendéronse os 18 animais sacados á pista alcanzándose un volume de ventas duns 60.000 euros, con un prezo medio por cabeza de 3.000 euros.
Na segunda edición vendéronse 17 animais, cun valor de 39.550 euros, co que o prezo medio por cabeza foi de o que fai unha media de 2326.
Pola súa banda, o presidente de Africor Lugo, Manuel Sandamil, recalcou a importancia das poxas como a do próximo día 25 poden ter para o sector gandeiro, xa que se poñerán á venda animais cuxa calidade está garantida por pasar todos os controis que realiza Africor. A celebración da poxa, ademais, ten para Sandamil os alicientes de celebrarse nun mercado gandeiro con excelentes condicións e nunha zona na que a gandería de leite ten moita importancia. Por iso, está convencido de que esta poxa xa se consolida en Friol.
O alcalde friolés, Jose Á. Santos, quere “agradecer a Africor e a todas as gandarías que participaron nas pasadas edicións, por facer que fosen un éxito, agardando que esta teña tan boa ou mellor acollida si cabe que as anteriores, xa que este evento está dedicado á promoción do sector lácteo do noso municipio, un sector que co paso do tempo cobrou maior importancia dentro da actividade económica, polo que debemos apoialo, ao igual que intentamos facer co gando vacún de carne, coa celebración da feira e poxas que realizamos nos últimos anos”.