Friol celebrará o 22 de marzo a 32 edición da Feira do Queixo e Pan de Ousá

LugoXa | TerraChaXa
O Concello presenta un completo programa de actividades para atraer milleiros de visitantes e converter un ano máis esta localidade "na capital gastronómica de Galicia"
feira-do-queixo-e-pan-de-ousa-friol-presentacion
11 Mar 2026

O concello de Friol converterase o vindeiro domingo 22 de marzo no epicentro da gastronomía galega coa celebración da 32ª edición da Feira do Queixo de Friol e Pan de Ousá, unha cita consolidada no calendario festivo de Galicia e considerada o principal escaparate turístico do municipio.

Desde hai máis de tres décadas, esta feira promove a gastronomía tradicional e a cultura popular, contribuíndo a manter vivas as tradicións locais e a dinamizar a economía do municipio, especialmente a través do sector primario, do tecido empresarial e do comercio local.

Nos últimos anos o evento experimentou unha importante evolución, sendo declarado Festa de Interese Turístico Galego en 2022 e ampliando tanto a súa proxección como a variedade de produtos expostos, grazas tamén ao apoio da Xunta de Galicia, que volve apostar polos ‘Saberes e Sabores de Friol’ nesta 32 edición.

A feira rende homenaxe a dous produtos profundamente ligados á identidade do municipio: o queixo de Friol e o pan de Ousá, elaborados de maneira artesanal e símbolo do saber facer das produtoras e produtores locais.
O alcalde de Friol, José A. Santos, destaca que esta celebración representa “unha cita imprescindible no calendario gastronómico e festivo de Galicia” e subliña que a feira é tamén “tradición, identidade e orgullo colectivo para o noso pobo”.

Así mesmo, o rexedor lembra que ambos produtos “levan toda unha vida camiñando xuntos en Friol” e pon en valor o traballo das queixeiras e panadeiros, aos que define como “verdadeiros embaixadores da calidade dos nosos produtos”. Nesta edición manterase unha participación similar á doutros anos, con arredor de 50 queixeiras e 5 panaderías, ademais de numerosos postos de artesanía, téxtil, produtos agroalimentarios e hostalería tradicional situados na contorna da praza.

Programa de actividades para todos os públicos

O Concello de Friol presenta un amplo programa de actividades dirixido a todos os públicos, combinando a promoción gastronómica co ambiente festivo, a música e diferentes propostas culturais.

A feira conservará a infraestrutura dos últimos anos, cunha gran carpa instalada na Praza Andón Cebreiro, onde se situarán os postos de venda de queixo e pan. Nos arredores, na Praza Rosalía de Castro e nas rúas próximas, instalaranse postos de artesanía e doutros sectores, aos que o Concello libera de taxas municipais.

A inauguración oficial terá lugar ás 11.00 horas, e durante a mañá haberá pasarrúas a cargo de Xesta Verde de Friol. Ás 19.00 horas, o salón de actos do Centro Sociocultural acollerá un concerto de Bouba Pandereteiras, e a partir das 21.30 horas celebrarase a verbena final coa orquestra Capitol.

Por cuarto ano consecutivo celebrarase tamén o obradoiro infantil de elaboración do queixo de Friol, que terá lugar na carpa a partir das 12.00 horas. “Para os nenos e nenas é un xogo e tamén unha gran ilusión lograr un queixo artesán feito polas súas propias mans. Para nós é unha gran satisfacción seguir transmitindo ás novas xeracións a maneira de elaborar este produto tan noso e o valor que ten para o rural”, sinala o alcalde.

Cada ano, a feira reúne milleiros de visitantes, contribuíndo a proxectar o nome de Friol máis alá das súas fronteiras e consolidando a imaxe do municipio como referente da gastronomía tradicional galega. Desde a organización espérase manter a afluencia de público das últimas edicións, con entre 20.000 e 25.000 persoas ao longo da xornada.

O Concello de Friol convida á veciñanza e aos visitantes de toda Galicia a participar nesta nova edición e a desfrutar dunha xornada de convivencia arredor da gastronomía e da cultura local.

CONSULTA O PROGRAMA NESTE ENLACE

0.12560892105103