Friol contará cun centro de interpretación da natureza en San Pedro de Narla

LugoXa | TerraChaXa
A Xunta formaliza o contrato das obras, financiadas ao abeiro do Plan Hurbe, para crear un espazo educativo e formativo vinculado ao medio natural
parcela-compra-concello-friol
15 Mar 2026

A Xunta formalizou o contrato para executar as obras dun centro de interpretación da natureza na parroquia de San Pedro de Narla, no concello de Friol, cun investimento de 192.944,17 euros. A actuación forma parte do Plan Hurbe, o programa autonómico co que o Goberno galego colabora cos concellos para impulsar melloras en contornas urbanas, accesibilidade e dotación de equipamentos e servizos públicos.

O contrato foi adxudicado á empresa Construcciones M. Espiño, S.L., que se encargará de levantar esta nova infraestrutura nunha parcela de 1.588 metros cadrados situada na citada parroquia. O proxecto contempla a construción dun edificio de estilo tradicional, en harmonía coas edificacións existentes no núcleo de Narla. A nova edificación situarase no extremo suroeste da parcela, de maneira que se deixe libre a maior parte do terreo e se respecten as distancias regulamentarias cos lindeiros.

O futuro centro terá un carácter divulgativo e educativo centrado na natureza e no aproveitamento do medio forestal. Entre as actividades previstas inclúense iniciativas para explicar o ciclo das árbores, desde a súa plantación ata a tala e posterior transformación en madeira, así como o proceso de produción de sementes, a creación de hortos ou os coidados forestais. Ademais, o espazo permitirá dar a coñecer ferramentas e utensilios empregados nos traballos do monte e as características dos ecosistemas forestais.

O equipamento tamén está concibido como un punto de formación e dinamización ligado ao ámbito agroforestal. Neste sentido, prevese que acolla cursos, charlas informativas, actividades formativas de carácter ecolóxico e obradoiros de emprego relacionados coa natureza e co aproveitamento sostible dos recursos naturais.

Esta actuación inscríbese no convenio subscrito entre a Xunta e o Concello de Friol ao abeiro do Plan Hurbe. No marco deste acordo, o Goberno galego asumirá o 70 por cento do financiamento das obras, mentres que a administración local achegará o 30 por cento restante.

A través deste programa, a Xunta pretende apoiar ás entidades locais no financiamento de actuacións urbanísticas e na mellora de equipamentos públicos que contribúan á revitalización do territorio e ao reequilibrio territorial. Con iniciativas deste tipo, o Executivo autonómico busca favorecer o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais de Galicia, reforzando o seu papel como espazos de dinamización económica e social e como puntos de concentración de servizos públicos e privados.

0.093469142913818