Friol contará este domingo cunha nova edición da Concentración SEAT 600

LugoXa | TerraChaXa
Está prevista a chegada duns 50 vehículos históricos procedentes de diversos puntos de España
concentracion-seat-600-friol
24 Sep 2025

O Club 600 de Lugo celebrará este domingo, 28 de setembro, a súa tradicional Concentración SEAT 600, que cumpre este ano a súa vixésimo quinta edición. Por primeira vez, o evento terá como escenario principal o Concello de Friol, co obxectivo de dinamizar o pobo e ofrecer aos visitantes unha experiencia cultural única.

A presentación da concentración tivo lugar este mércores, coa participación do presidente do Club 600 Lugo, Raymond Fernández, acompañado por outro membro da directiva, Manuel, e pola Delegada de Alcaldía de Friol, Mª Ángeles Buján.

Está prevista a chegada duns 50 vehículos históricos procedentes de diversos puntos de España, entre eles Almería, Asturias, León, Madrid e diferentes localidades galegas.

O programa da xornada comezará coa saída dos vehículos desde a Praza de Augas Férreas de Lugo. A chegada a Friol está prevista a partir das 12:00 horas, cunha exposición dos SEAT 600 na Praza Andón Cebreiro.

A continuación, os participantes realizarán un percorrido a pé polo paseo fluvial ata o Castro Friulio, onde serán recibidos pola Asociación A Castronela, encargada de explicar a historia do castro, do Friulio e da súa actividade cultural.

O alcalde de Friol, José Á. Santos, destacou: “Dende o Concello de Friol seguiremos apoiando este tipo de eventos que nos poñen no mapa e dinamizan o noso municipio. Quero agradecer ao Club 600 Lugo por escoller Friol para celebrar esta vixésimo quinta edición da súa recoñecida concentración”.

⚙ Configurar cookies
0.10196995735168