Friol dotará de saneamento ao núcleo de Roimil

TerraChaXa | LugoXa
O alcalde de Friol, asinou un convenio para dotar de saneamento o núcleo de Roimil, que suporá un investimento de máis de 280.000 euros.
friol alcalde javier arias roimil
2 Jun 2021

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, asinou un convenio de colaboración para dotar de saneamento o núcleo de Roimil, que suporá un investimento de máis de 280.000 euros.

O acordo, asinado coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ten como obxectivo a execución dunha rede de saneamento e depuración de augas residuais nos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira.

Segundo este convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 225.600 euros. Ademais, levará a cabo a contratación e a execución das obras, que contan cun prazo de execución de seis meses.

Pola súa banda, o Concello de Friol contribuirá ao financiamento do 20% restante, destinando 56.400 euros, ao tempo que asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

As actuacións proxectadas

O convenio asinado entre a Administración autonómica e a entidade local recolle os traballos precisos para dotar de saneamento o núcleo de Roimil.

A solución proxectada céntrase na construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total con capacidade de depuración para 200 habitantes.

A rede de saneamento componse dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo e 4 ramais secundarios. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.

Para o funcionamento do sistema de depuración inclúense partidas para a acometida eléctrica, así como o sistema de medida e protección, e instalación interior para o seu correcto funcionamento.

Coa rede proxectada polo departamento presidido por Ethel Vázquez veranse beneficiadas 20 vivendas, que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

0.082170963287354