Friol habilitou un rexistro municipal de solicitantes de vivenda pública
O Concello de Friol, a través da súa páxina web e da Sede Electrónica, así como mediante rexistro presencial pon a disposición de posibles interesados un formulario para obter unha listaxe de todas as persoas interesadas en dispoñer de vivenda pública.
A partir de hoxe estará a disposición de todas as persoas interesadas un impreso no que poder rexistrar o interese en adquirir vivenda pública, tanto en alugueiro, mediante compra ou mesmo en alugueiro con dereito a compra.
Este impreso estará dispoñible tanto dende a páxina web do Concello de Friol como dende a propia sede electrónica de dita administración pública, así como tamén se poderán inscribir de xeito presencial nas oficinas municipais.
Poderán inscribirse as persoas físicas ou unidades familiares ou de convivencia que estean interesadas en acceder a vivendas de carácter públicas, independentemente onde residan ou traballen na actualidade e cuxa capacidade económica non supere os límites establecidos para cada tipo de vivenda, sempre que non posúen outra vivenda similar ou esta sexa inadecuada ou insuficiente para as súas necesidades.
Só se admitirá unha solicitude por unidade familiar ou de convivencia, independentemente de que estea integrada por unha ou varias persoas.
Dende o Equipo de Goberno de Friol son conscientes da falta de vivenda tanto a venta como en modo alugueiro no Concello, por tanto, optan por este método para poder obter un rexistro actualizado e real para cuantificar o número de persoas ou familias que poidan estar interesadas en este tipo de vivendas, dentro do municipio de Friol.
O alcalde, manifesta que “esta é unha medida máis dentro do proxecto que temos desde o Goberno municipal en asentar poboación no noso municipio, parécenos moi interesante, e a vez fundamental ter esta información real e precisa, porque sempre pode ser de utilidade e tamén xustificable a vez, se en algún momento sae a oportunidade de xestionar ou conseguir construír vivenda pública no noso municipio”.