Friol mellora a cobertura móbil coa instalación de tres novo centros de telecomunicacións

LugoXa | TerraChaXa
O investimento total da actuación supera os 50.000 €, cun impacto directo na mellora da conectividade para veciños e veciñas destas parroquias
torre-telecomunicacion-mobil-antena
15 Oct 2025

O Concello de Friol anuncia unha importante mellora na cobertura móbil do municipio grazas á próxima instalación de tres novos centros de telecomunicacións. Estas infraestruturas, promovidas pola empresa ON Tower Telecom Infraestructuras S.A., permitirán cubrir zonas onde ata o de agora o sinal era moi deficiente ou inexistente.

Tras a presentación e concesión das licenzas municipais correspondentes, a empresa iniciará nas vindeiras semanas as obras de instalación das antenas en tres puntos estratéxicos. A primeira será na parroquia de Xiá, na Finca Roza, lugar do Escorial. En Carballo actuarán na Finca Pena da Veiga, lugar do Carballo e a última será na parroquia de Condes, na Finca denominada Couso.

Cada centro contará cunha torre de celosía de 30 a 40 metros e equipos exteriores protexidos por un valado no seu perímetro. As infraestruturas están deseñadas para garantir a cobertura móbil nas zonas limítrofes e poder ser compartidas por outros operadores no futuro.

O investimento total da actuación supera os 50.000 €, cun impacto directo na mellora da conectividade para veciños e veciñas destas parroquias, nun momento no que o acceso a servizos móbiles é esencial.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou: “Agardamos que coa posta en marcha destes novos centros de telecomunicacións, prevista nos próximos meses, os veciños e veciñas destas zonas vexan mellorada de forma significativa a cobertura móbil que tiñan ata o de agora”.

⚙ Configurar cookies
0.084463834762573