Friol reforza a súa aposta polo emprendemento e a formación con máis de 200 proxectos atendidos
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, reuniuse esta semana co alcalde de Friol, José Ángel Santos, co obxectivo de avanzar na colaboración entre ambas as administracións para impulsar a creación de riqueza e emprego.
Durante o encontro, analizaron, entre outros temas, o éxito do Polo de Emprendemento desta localidade lucense, inaugurado en setembro de 2023 e que xa atendeu máis de 200 proxectos.
O Polo de Friol prestou preto de 650 titorías, das que o 63% se destinaron a mulleres emprendedoras. Ademais, organizáronse preto de 50 actividades, entre as que destacan reunións con entidades locais, formacións e eventos da Rede.
Entre as iniciativas empresariais asesoradas destacan as relacionadas con actividades profesionais, científicas e técnicas (21%), seguidas pola hostalaría (12%) e a agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (9%). Estes proxectos buscan fixar poboación no entorno rural e forman parte dos 750 asesorados na provincia de Lugo, onde, ademais do Polo de Friol, se atopan os da Fonsagrada, Mondoñedo, Monforte de Lemos e Sarria.
Na reunión tamén se puxo de relevo a importancia da formación para mellorar as oportunidades laborais da veciñanza de Friol. Neste sentido, destacouse que o municipio, xunto con Begonte e Rábade, recibiu case 442.000 euros para levar a cabo entre 2024 e 2025 o obradoiro dual "Cumes da Terra Chá VIII".
Este programa, enfocado en operacións auxiliares en fábricas, cubertas e acabados ríxidos e urbanización, inclúe incentivos para empresas da contorna coa finalidade de contratar ás 20 persoas participantes, combinando formación teórico-práctica coa mellora de servizos nas zonas rurais.