Friol, único representante galego para ser Capital de Escapada Rural 2025

O concello lucense de Friol foi seleccionado como finalista na nova edición do certame que busca a Capital de Escapada Rural 2025. Trátase do único municipio galego en competición, fronte a outros nove destinos doutras comunidades autónomas.
O prazo de votacións xa está aberto e permanecerá dispoñible ata o vindeiro 26 de outubro a través da páxina web oficial da plataforma Escapada Rural, entidade organizadora do concurso.
Este recoñecemento, que xa suma nove edicións, pretende poñer en valor vilas e aldeas que, fóra das rutas turísticas máis habituais, conservan un patrimonio natural, cultural e gastronómico digno de ser divulgado.
Na edición anterior, a distinción recaeu en Santa Eulalia de Oscos (Asturias). Nesta ocasión, Friol comparte candidatura con localidades como Ágreda (Soria), Jerez de los Caballeros (Badaxoz), Karrantza Harana (Biscaia), Navahermosa (Toledo), Tibi (Alacant), Trasmoz (Zaragoza), Valtierra (Navarra), Vielha (Lleida) e Zuheros (Córdoba).
O alcalde friolés, José Ángel Santos, destacou a oportunidade que supón esta candidatura para proxectar cara ao exterior a esencia do concello: “Friol garda historia, natureza e tradicións que merecen ser amosadas”, sinalou facendo un chamamento á participación cidadá.
Entre os atractivos do municipio salientan a tranquilidade do seu contorno, os seus pazos e hórreos, as máis de trinta parroquias e unha notable riqueza gastronómica, especialmente pola feira dedicada ao pan e ao queixo.