Friol volverá contar coas xornadas de cine rural en xaneiro e febreiro

LugoXa | TerraChaXa
Darán comezo as catro ás seis da tarde, no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol
xornadas-de-cine-rural-friol
3 Jan 2025

Fíxose a presentación das II Xornadas de Cine Rural de Friol, por parte de Jesús Rodríguez Rodríguez (profesor da USC) e Ángeles Buján (concelleira do Concello de Friol).

Durante os meses de xaneiro e febreiro a localidade poderá desfrutar de catro tardes de sábado de cine, gracias ás segundas Xornadas de Cine Rural que o Concello organiza en colaboración co Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, representado neste caso polo veciño de Friol Suso Rodríguez.

Estas xornadas levaranse a cabo os sábados 25 de xaneiro, e o 1, 8 e 15 de febreiro, dando comezo todas elas ás seis da tarde, no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol.

Na primeira das xornadas, o sábado 25 de xaneiro, poderá visualizarse a reportaxe Tiempo de ilusión, tiempo de recuerdo, emitida no ano 1979 no programa da TVE Vivir cada día sobre o rural galego, no concello de Friol. A reportaxe testemuñal trata das dificultades e durezas da infancia, e tamén da violencia lingüística e cultural que exercía o sistema educativo (realizado por Isabel Pastor).

Na segunda xornada, o sábado 1 de febreiro, proxectarase De Quijotes y Semillas, documental no que o cociñeiro Santi Cordón realiza unha viaxe en verducleta e fai unha incursión á España esquecida para escoitar a romántica loita dos seus últimos Quijotes, intercambiar sementes con eles e poñer en valor un tesouro culinario en vías de extinción (dirixido por Patxi Uriz e Jordi Matas).

Durante a terceira xornada, o 8 de febreiro, visualizarase Paxaros de Algodón, neste documental trátase de abrir unha fiestra que permita coñecer mellor os trastornos de espectro autista (TEA) axudándose de dous contos teatralizados polo propio persoal técnico e residente de Aspanaes As Pontes (Dirección: Xosé Manuel Felpeto e Roberto Rego). Contarán con diferentes profesionais relacionados co ámbito do TEA.

E para rematar con estas segundas xornadas de Cine Rural, o sábado 15 de febreiro, proxectarase A mestra de escola, documental dirixido por Alba Prol e producido por Meteórica Cine, que é unha peza audiovisual que afonda na realidade educativa do rural galego a través das experiencias de seis mulleres vinculadas ao ensino (mestras e antigas alumnas que comparten vivencias persoais e reflexións sobre a evolución do sistema educativo). Coa colaboración do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), o filme pon de manifesto a relevancia do ensino rural na configuración da identidade cultural galega.

O alcalde popular, Jose Ángel Santos, sinalou a importancia de repetir por segundo ano consecutivo esta iniciativa "para continuar co apoio do Concello de Friol á cultura, que con actividades como esta tentamos axudar a promover a vida social e cultural do noso pobo”.

0.17108511924744