Fruga critica os novos contratos coa reforma da lei de cadea alimentaria

RibeiraSacraXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Fruga vén de presentar unha crítica sobre a reforma da lei da cadea alimentaria, clave para conseguir unhas relacións comerciais xustas.
31 Xan 2021

Nos últimos días estase a celebrar un debate sobre a reforma da lei da cadea alimentaria, aspecto clave para conseguir unhas relacións comerciais xustas entre os distintos elos da cadea de comercialización; produtores, industrias e distribuidores, segundo indica Fruga.

Os contratos lácteos entre produtores e industria van ser renovados nos próximos meses. As ofertas que teñen que presentar a maior parte das industrias lácteas levan implícito que os prezos deben cubrir os custes de produción, algo que desde a Fruga "levamos reclamando xa fai varios anos".

O colectivo considera que "o cálculo dos custes de produción non se pode fixar como se estivo facendo nas últimas renovacións contractuais, nas cales a industria presentaba unha oferta ao gandeiro ou gandeira, e esta tiña que asinar que o prezo fixado de forma unilateral pola industria cubría os custos de produción. Algo totalmente inverosímil, xa que ao final era a industria a que fixaba os custes de produción sen ningún tipo de cálculo".

"Para fixar o custe da produción láctea, non serve que se faga de forma unilateral por parte da industria, previa firma do gandeiro, xa que de non asinar non lle recollerían o leite. A día de hoxe o cálculo destes custes, ten que facerse a través de estudos serios postos en marcha polos numerosos organismos que tanto a Xunta de Galicia como o propio ministerio posen, como pode ser o Rengrati, ou ben o observatorio de prezos lácteos. A través deses cálculos é como se ten que fixar o prezo do leite para as distintas modalidades de produción", engade.

Desde a Fruga consideran que os últimos estudos que circulan poden ser ilustrativos do que consta producir un litro de leite, "e ao mesmo tempo consideramos que a propia Consellería do medio rural debería ter suficientes datos para poder fixar esa contía, especialmente a través do observatorio de prezos do leite, aínda que baixo os gobernos de Feixoó, serviu unicamente para observar os prezos e non para calcular os custos de produción. Do contrario volvemos a falar dunha lei da cadea alimentar viciada e que non serve realmente para cumprir os seus obxectivos".

0.20273184776306