Fuxan os Ventos dará un terceiro concerto no novo auditorio o sábado 7

LugoXa
As entradas poderán adquirirse o vindeiro mércores, 28 de maio, a partir das 16 horas no portal entradaslugo.es
Fuxan-os-Ventos-en-Lugo
25 May 2025

A Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua anunciou que a agrupación Fuxan os Ventos dará un terceiro concerto no auditorio que leva o seu nome. Ferreiro explicou que a Tenencia de Alcaldía traballou para ampliar a oferta "despois do enorme éxito na venta de entradas dos dous primeiros concertos".

A nova data será o sábado 7, a partir das 20:00, e contará tamén coa colaboración de Faia e De Ninghures. As entradas poderán adquirirse o vindeiro mércores, 28 de maio, a partir das 16h no portal entradaslugo.es cun prezo único de 10 euros. Tamén poderán mercarse na Oficina de Turismo e nas instalacións do Vello Cárcere.

Maite Ferreiro agradeceu á agrupación o compromoso para conseguir o terceiro concerto, e afirmou que como concelleira de Cultura traballa "para que Lugo sexa referente da música galega". Ferreiro destacou que os concertos de Fuxan os Ventos non só van ser unha celebración da traxectoria desta agrupación, senon que son "unha mostra da gran vitalidade da música galega ao ter as voces Faia e De Ninghures como representantes das novas agrupacións da nosa música".

Fuxan os Ventos, grupo fundado en 1972, foi unha das referencias máis importantes da música tradicional galega, cunha proposta que combinou compromiso social, recuperación do patrimonio oral e unha sonoridade que marcou época. Os concertos anunciados ofrecerán un repertorio coas súas cancións máis emblemáticas, ademais dalgunha sorpresa e colaboracións especiais.

⚙ Configurar cookies
0.08607292175293