Fuxan os Ventos é o nome do novo auditorio municipal de Lugo, que se inaugura este venres

Desde o Goberno local de Lugo informan de que a cidadanía lucense escolleu 'Fuxan os Ventos' como nome do novo auditorio municipal, que abrirá as súas portas este venres 20 de decembro cunha actuación especial de Ainhoa Arteta.
A elección, realizada mediante unha consulta pública e que contou coa participación de 3.007 persoas empadroadas en Lugo, rende homenaxe ao emblemático grupo musical lucense, símbolo da lingua e da cultura galega.
"Hoxe é un día moi especial para Lugo. O novo auditorio municipal, que abrirá as súas portas o vindeiro 20 de decembro, xa ten nome. E o nome elixido, de forma libre e participativa pola cidadanía lucense, é Fuxan os Ventos", afirmou a alcaldesa Paula Alvarellos.
Fuxan os Ventos foi a opción máis votada, cun total de 1.966 votos, o que representa algo máis do 65 % das preferencias. As demais propostas obtiveron os seguintes apoios: Darío Xohán Cabana recibiu 542 votos, Maruja Mallo sumou 370 e Maruja Villanueva acadou 129.
"Este nome reflicte a vontade das veciñas e veciños de Lugo, que tiveron a oportunidade de decidir o nome desta nova dotación con total liberdade. Un exemplo de transparencia e de consenso social, que queremos que sexa tamén un sinal distintivo deste auditorio e da xestión do noso goberno", subliñou Alvarellos.
O nome recoñece a traxectoria dun dos grupos máis emblemáticos da música galega, fundado en Lugo en 1972. "Con esta elección, recoñecemos o legado dun grupo que, co seu compromiso coa lingua, a cultura e a música galega, deixou unha pegada imborrable na nosa historia. O seu repertorio, baseado en composicións propias e adaptacións de grandes poetas galegos, reflicte a nosa identidade colectiva", explicou a rexedora.
Alvarellos tamén agradeceu a participación e o apoio da cidadanía neste proceso, destacando o valor de todas as propostas finalistas. "Cada unha das opcións representa parte da nosa riqueza cultural. Maruja Mallo, Maruja Villanueva e Darío Xohán Cabana tamén simbolizan a diversidade e o talento que nos definen como cidade", destacou.