Fuxan os Ventos volve aos escenarios en Lugo nunha homenaxe á historia e á vitalidade da música galega

LugoXa
O concerto de hoxe é o primeiro dunha serie de tres actuacións que, segundo a concelleira de Cultura, son “concertos de luxo”
Fuxan-os-Ventos-en-Lugo
5 Jun 2025

A música tradicional galega volve soar con forza no Auditorio Municipal de Lugo, que leva o nome do grupo Fuxan os Ventos, nun concerto que marca o regreso desta emblemática formación aos escenarios.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, destacou a importancia desta xornada, na que a veciñanza poderá reencontrarse cunha das grandes referencias da música galega. “Hoxe volveremos escoitar as letras tradicionais das e dos nosos poetas, ademais das nosas cantigas, mesturadas con dous dos nomes máis relevantes da nova escena musical galega”, afirmou Ferreiro, en referencia ás colaboracións coas voces de Faia e De Ninghures.

O concerto de hoxe é o primeiro dunha serie de tres actuacións que, segundo a concelleira, son “concertos de luxo” que permitirán gozar de máis de medio século de historia musical. Maite Ferreiro agradeceu ao grupo o compromiso con este proxecto e asegurou que desde o seu cargo traballa para que “Lugo sexa referente da música galega”.

A edil salientou que esta serie de concertos non só servirá para celebrar a traxectoria de Fuxan os Ventos, senón tamén para amosar a vitalidade e a continuidade da música galega, grazas á participación das novas agrupacións que beben desa tradición.

Fundado en 1972, Fuxan os Ventos foi pioneiro na recuperación do patrimonio oral galego e marcou época cun estilo inconfundible, no que a palabra, a música e o compromiso social ían da man. O público poderá gozar dun repertorio que recolle as súas cancións máis emblemáticas, así como algunha sorpresa e colaboracións especiais que reforzan a súa ligazón co presente.

⚙ Configurar cookies
0.17578387260437