Gabriel Alén Castro presentou en Lugo as novas liñas de axuda da Xunta ao comercio

LugoXa
O Partido Popular de Lugo organizou un acto no que participaron medio cento de comerciantes e estivo estivo o director xeral de Comercio da Xunta
Acto-COMERCIO-Lugo-PP
19 Feb 2025

O Partido Popular de Lugo celebrou un acto no que participaron medio cento de comerciantes e no que estivo o director xeral de Comercio da Xunta, Gabriel Alén Castro, quen presentou as novas liñas de axuda dirixidas a fomentar a dixitalización, modernización e sostibilidade ambiental dos establecementos comerciais.

O presidente do PP de Lugo, Ramón Carballo, e a voceira popular, Elena Candia, destacaron a importancia deste tipo de encontros para poñer en valor as iniciativas da Xunta en apoio ao comercio local, así como para impulsar a empregabilidade e axustar a oferta e a demanda a través da formación especializada. Ademais, subliñaron o respaldo aos autónomos, o retorno emprendedor e a aposta pola transformación das prazas de abastos en mercados excelentes.

Candia criticou a xestión do Goberno local, lembrando que o Concello perdeu unha axuda de 9.000 euros concedida pola Xunta para impulsar o Mercado Municipal. Tamén se referiu ás dificultades xeradas polas obras de peonalización no centro da cidade, asegurando que moitos establecementos víronse obrigados a pechar debido á mala planificación e problemas de accesibilidade. “É moi complicado aguantar con este caos”, lamentou.

Así mesmo, a voceira popular recordou que en decembro o goberno local votou en contra dun Plan de Apoio ao pequeno comercio, igual que fixera o ano anterior. Este plan incluía accións concretas e a reactivación da Mesa de Comercio local como canle de cooperación coa administración.

Axudas de 3,9 millóns para un comercio innovador e sostible

Durante o encontro, o Director Xeral de Comercio explicou a nova orde de axudas da Xunta, dotada con 3,9 millóns de euros, que por primeira vez unifica tres liñas de apoio:

Dixitalización e innovación: Creación de páxinas web, xestión de redes sociais, instalación de terminais de autopago e ferramentas de e-commerce.

Modernización de locais: Mellora da imaxe, reformas en espazos de venda, eficiencia enerxética e adquisición de mobiliario.

Sostibilidade ambiental: Redución do impacto ambiental mediante o uso de materiais de embalaxe sostibles e eliminación de plásticos.

O representante autonómico destacou que estas tres liñas de axuda son compatibles entre si e buscan facilitar a adaptación do comercio local á nova realidade e ás tendencias de consumo, apostando por un modelo máis innovador, moderno e sostible para reforzar a competitividade do sector en Lugo.

O evento celebrado no Distrito 1 inaugurou un calendario de actividades que se desenvolverán periodicamente nos próximos meses.

0.13074398040771