Gadis completa con éxito outra campaña da Gran Recollida
Os clientes de Supermercados Gadis volveron a demostrar a súa solidariedade cos menos favorecidos achegando 202.492 euros á campaña A Gran Recollida da Federación Española de Banco de Alimentos Fesbal que, no caso da compañía 100% galega, desenvolveuse entre o venres 19 e o domingo 28 de novembro en 196 puntos de venda.
Dez xornadas para demostrar a xenerosidade dos clientes de Gadis, tanto de Galicia como de Castela e León. “O noso aplauso e agradecemento sincero por sumarse, non só a esta iniciativa, se non a todas as que emprendemos desde a empresa co obxectivo de contribuír a construír unha sociedade mellor entre todos. Sempre atenden dunha forma exemplar nosas chamadas solidarias”, sosteñen desde a área de RSC da compañía.
A empresa estende este recoñecemento ao seu equipo humano e aos voluntarios que, coa súa presenza nos puntos de venda, visibilizan a importancia de contribuír a esta iniciativa que impulsa Fesbal en toda España para mellorar a situación dos bancos de alimentos para as próximas semanas.
No caso de Gadis, os destinatarios desta axuda son os 11 bancos de alimentos cos que colabora de forma habitual: Rías Altas (A Coruña, Ferrol e Santiago), Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Salamanca, Valladolid e Zamora). Estas entidades colaboran de forma directa con asociacións e ONG´s que atenden a máis de 30.000 familias desfavorecidas de Galicia e Castela e León.
Supermercados Gadis, que coopera con esta campaña desde o 2014, empezará a distribuír nos próximos días o importe correspondente a cada entidade para que poidan trocalo nos establecementos polos produtos de alimentación e hixiene que máis necesiten. A fórmula da doazón económica permite aos bancos de alimentos seleccionar os artigos que se axustan ás súas necesidades e no momento exacto no que os precisan.
Esta iniciativa forma parte do programa de Responsabilidade Social Corporativa da empresa, coa solidariedade como un dos eixos máis destacados. Unha solidariedade que Gadis exerce tanto, a través do apoio a ONG’ s, asociacións e institucións benéficas, como co desenvolvemento de accións de RSC propias. Entre as de maior envergadura, Maio Solidario que, neste 2021, celebrou o seu 9º aniversario.