Galicia Baleira reclama que os servizos de podoloxía se incorporen á rede pública
Desde a Plataforma Galicia Baleira, que aglutina as Federacións de Asociacións Veciñais Lucus Augusti da provincia de Lugo e Limiar da provincia de Ourense, respectivamente, reivindicamos a necesidade de incorporar na Sanidade Pública Galega os Servizos de Podoloxía.
"O pé é o principal punto de apoio do corpo humano e soporta cargas moi superiores á do noso propio peso, é importante acudir ao podólogo, como medida preventiva, para diagnósticos precoces que permiten prognósticos favorables e ante calquera doenza ou malestar que se presente. Convén empezar as revisións nas etapas infantís, aínda que tamén é conveniente vixiar a saúde dos pés nos adultos" explican.
Engaden que estes dous colectivos son os máis afectados pola falta de que os servizos de Podoloxía non estean incluídos no Servizo Galego de Saúde.
"O dos nenos, que por falta de prevención desenvolverán problemas ao camiñar que poderán derivar en graves patoloxías no futuro. De aí, a importancia da podoloxía en atención primaria para o cuidade do pé xeriátrico e do pé infantil. O das persoas maiores, que, por falta de atención Podológica na Sanidade Pública, teñen que custear do seu peto todos os servizos de Podoloxía. Especialmente as persoas maiores que sendo atendidas en Residencias dispoñen de baixos recursos. A atención das persoas maiores desde os Centros de Saúde, por podólogos de Atención Primaria, supoñería que se diagnosticasen e tratasen de forma precoz doenzas nos pés sen necesidade de acudir a hospitais, liberándoos da sobrecarga e saturación que estes padecen, a incorporación da asistencia podológica nos centros de saúde permitiría reducir sensiblemente complicacións médico-cirúrxicas como amputacións e gangrenas tendo en conta que diminuiría a atención institucional en servizos sociais comportaría unha maior calidade de vida e benestar para os nosos maiores", explican.
Tanto o Consello Xeral de Podólogos como o Colexio de Podólogos de Galicia reclamaron en diversas ocasións dita inclusión, e insisten na necesidade de incluír de forma urxente os profesionais de podoloxía dentro do sistema de Saúde Pública, remarcan a importancia de contar con profesionais de podoloxía nos centros públicos debido ao gran número de patoloxías asociadas a esta rama que deberían ser atendidas por un profesional especializado.
Desde a Plataforma Galicia Baleira consideran a necesidade destes servizos de Podoloxía nos Servizos de Saúde Pública para axudar ás persoas maiores e aos nenos e proporcionarlles uns coidados adecuados, "e así seguiremos reivindicándoo, para que desde o sector público proporciónense as ferramentas necesarias".