Galicia e Colombia buscan sinerxias para colaborar no sectro aeroespacial

TerraChaXa | LugoXa
Francisco Conde mantivo unha xuntanza para aboradar a posibilidade de abrir vías de colaboración no sector naval e aeroespacial.
dron rozas
18 Mar 2022

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza co viceministro de Defensa do Goberno de Colombia, Gustavo Niño Furnieles, con quen abordou a posibilidade de abrir vías de colaboración no sector naval e aeroespacial.

Na reunión, o primeiro encontro institucional co que o vicepresidente económico abre a súa axenda de viaxe no país, tamén estivo representada a Corporación da Industria Aeronáutica Colombiana (CIAC) e a Corporación de Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento da Industria Naval Marítima e Fluvial (Cotecmar).

Conde explicou que a xuntanza foi, en primeiro lugar, unha oportunidade para abordar as sinerxías que se poden dar entre a industria naval galega e colombiana, tendo en conta que hai más de 20 anos que Galicia leva proporcionado produtos e servizos, especialmente no eido da enxeñaría, a estaleiros e armadores daquel país.

O vicepresidente económico propuxo, ademais, que unha delegación de Cotecmar visite as instalacións do Centro de Excelencia do Sector Naval (Cesena) en Ferrol con vistas a abrir vías de intercambio, e que o naval colombiano participe en Navalia, que se celebrará en Vigo entre o 24 e 26 de maio. Tamén amosou a disposición do sector en Galicia a formalizar acordos con Cotecmar e outros estaleiros colombianos. Por outra banda, a reunión tamén serviu de ocasión para presentar ante o Goberno de Colombia o Polo Aeroespacial de Galicia e trasladar unha invitación formal para que unha delegación do país visite estas instalacións en Rozas (Castro de Rei).

O vicepresidente tamén se reuniu na cidade de Medellín co sector TIC no que asegurou que Colombia pode converterse nun socio estratéxico para Galicia en proxectos como o Polo Aeroespacial ou a Cidade das TIC da Coruña.

Tal e como indicou Conde, Galicia quere estreitar lazos con Colombia e por iso acordouse a creación dun comité de traballo para explorar vías de cooperación e expandir así o modelo colaborativo que caracteriza a forma de traballar do TIC galego.

Durante este foro do sector TIC, Francisco Conde aproveitou para explicar os avances que Galicia ten feito á hora de aplicar as TIC nos servizos públicos, como é o caso da e-Administración ou a e-Saúde. Tamén se abordou a aposta de Galicia pola Compra Pública Innovadora.

Conde explicou que Medellín, a capital do departamento de Antioquia, está considerada como un dos ecosistemas tecnolóxicos máis recoñecidos a nivel internacional, motivo polo que, previo á celebración deste foro TIC, aprobouse un acordo de irmandade entre Galicia e esta rexión. Neste sentido, o vicepresidente económico da Xunta de Galicia agradeceu ao gobernador de Antioquia, Aníbal Gaviria, a disposición a formalizar esta alianza que permitirá seguir consolidando vínculos entre Galicia e Colombia nun eido tan concreto como o TIC.

0.12800312042236