A Fronte de organizacións Por un Monte Galego con Futuro convocou unha concentración este martes contra a revisión do Plan Forestal.
Representantes da Fronte de organizacións Por un Monte Galego con Futuro convocaron unha concentración este martes, día 23 de febreiro, contra a revisión do Plan Forestal. Un texto que se debaterá ese mesmo día no Parlamento de Galicia, e que previsiblemente será aprobado cos votos do Partido Popular, do que advertiron que terá graves consecuencias para o medio rural galego, desde a organización do territorio, até o modelo de xestión dos montes, a riqueza forestal ou no combate aos lumes forestais
Unha fronte de organizacións sociais, ecoloxistas, agrarias e sindicais, entre as que se atopa o Sindicato Labrego Galego, iniciaron unha campaña de rexeitamento á primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG).
A representación da fronte social expúxolle ao Partido Popular as súas queixas sobre o proceso de participación inexistente que precedeu o debate parlamentario desta revisión do PFG. Neste senso, lembraron que a única exposición pública da revisión do PFG foi hai tres anos, en 2018, e dun texto distinto ao que chega agora ao Parlamento de Galiza.
Segundo explican este texto fai unha diagnose ficticia da situación do monte galego e dun inventario forestal irreal e desfasado con datos do 2009. Po outra banda asegurna que carece de consenso social xa que na súa tramitación non se viron representados todos os axentes sociais vinculados ao monte e ao medio rural.
Engaden tamén que esta lei “responde unicamente a intereses produtivistas e de carácter privado, deixando de lado o interese público e xeral, e a ordenación dos usos do monte en mans das empresas madeireiras e forestais”. Indican que fomenta o monocultivo e o aumento de especies pirófitas e invasoras ata acadar 1,4 millóns de hectáreas de piñeiros e eucaliptos en 2040, e o aumento de 3 millóns de m3 de cortas anuais de madeira de baixo valor engadido ata acadar os 12 millóns de m3 de cortas/ano. Nesta liña aumenta aínda máis a superficie ocupada por eucalipto E. Nitens.
Así mesmo considera este grupo heterodoxo que promove a forestación de terras agrarias, ao deixar en mans de empresas madeireiras e forestais máis de 150.000 hectáreas destes terreos e favorece a ” a vulnerabilidade do monte galego fronte ao cambio climático” así como a “proliferación e intensificación dos lumes forestais e a privatización da loita contra os incendios”. Aseguran que non formula solucións para ascausas estruturais dos incendios e segue primando o investimento na extinción fronte a prevención.
Para este colectivo outro dos erros do plan é que “agrava a situación de abandono e desertización do rural galego, impedindo o desenvolvemento dun monte multifuncional que xere riqueza e recursos diversos para as persoas que viven e traballan no rural. Desbota unha vez máis a oportunidade de apostar por un modelo de montes sustentábel, pola madeira de calidade e polo peche dos ciclos produtivos dos distintos aproveitamentos do monte”.
Finalmente, cren que este novo sistema alenta a desaparición dos montes veciñais en man común, “favorecendo a súa privatización e a eliminación do carácter xermánico da titularidade veciñal. Propón a revisión da condición de veciño/a comuneiro/a, de dotar as mancomunidades de montes de personalidade xurídica, e que as comunidades de montes tributen no imposto sobre sociedades, como se fosen empresas mercantís”.