Galicia reparte os premios aos mellores queixos e meles

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
As provincias de Lugo, A Coruña e Ourense conquistaron a maior parte dos distintivos
premios-queixos-e-meles-de-galicia
17 Dec 2024

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, definiu o queixo e o mel de Galicia como “un libro saboroso e doce da nosa historia”. Foi durante a súa intervención na entrega de premios da XXVII Cata dos Queixos e da XXIII Cata dos Meles de Galicia, que tivo lugar en Santiago de Compostela e que organiza a Xunta en colaboración cos consellos reguladores.

A conselleira, que estivo acompañada por altos cargos do seu departamento, gabou a historia e a tradición no consumo destes produtos senlleiros da despensa galega. Así, afirmou que “de queixo en queixo poderíase facer o Camiño de Santiago acompañado do mel, que servía aos peregrinos como produto terapéutico, enerxético, antiséptico e cicatrizante”. Ademais, lembrou que “somos queixeiros desde os celtas co San Simón da Costa”, que “os Reis Católicos comían queixo do Cebreiro” ou que “a orixe do Queixo Tetilla e o Arzúa-Ulloa pérdese na noite dos tempos”.

Nesta liña, María José Gómez felicitou tamén aos participantes nestes certames e especialmente aos galardoados, asegurando que “ano tras ano se superan coa calidade dos seus produtos e llo poñen cada vez máis complicado ao xurado”. Asemade, agradeceu os compoñentes do panel de cata a súa contribución ao éxito destes concursos.

Nesta edición, a provincia de Lugo tivo unha gran representación nas dúas catas con premios na de queixos para empresas de Vilalba, Castro de Rei, O Páramo e Chantada. Na Coruña estes foron para Melide e Curtis.

Na categoría de meles destacaron as do Valadouro, Alfoz, O Corgo e Outeiro de Rei e as ourensás da Pobra de Trives e San Cibrao das Viñas, así como as coruñesas Monfero e Mañón.

Recoñecemento internacional

En relación coa excelencia destas producións, a conselleira sinalou que “temos os mellores queixos do mundo”, como se pon de manifesto cos recoñecementos que reciben nos diferentes certames internacionais do sector, algo no que, engadiu, “o mel non se queda atrás”. Reiterou o compromiso da Xunta no apoio a estes produtos, especialmente no que atinxe á súa promoción nos diferentes mercados, partindo sempre de que a súa calidade “é un feito diferenciador galego polo que hai que apostar”. Neste sentido, puxo de relevo as achegas e accións de promoción impulsadas pola Consellería con iniciativas como Experiencias de Calidade ou os mercados de Nadal que nestas datas percorren diferentes puntos de Galicia.

Sobre o peso do sector alimentario en xeral, e do queixo e o mel en particular, Gómez salientou que o pasado ano se produciron en Galicia preto de 6,5 millóns de quilos de queixo, cunha facturación de máis de 52,5 millóns de euros. No caso do mel, trasladou, foron case 170.000 quilos, cun valor económico estimado de máis de 1,5 millóns de euros. Polo tanto, concluíu, estas producións “son unha parte moi importante da economía de Galicia”, pero ademais representan “un eixo vertebrador da cultura, da gastronomía, da tradición e, en resumo, de todo o que conforma a idiosincrasia de Galicia”.

premios-cata-da-mel-e-queixos
0.17546892166138