Galicia supera as 760.000 persoas vacinadas fronte á gripe

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A Xunta mantén a campaña de vacinación fronte a gripe ata o 18 de xaneiro en hospitais e en Expocoruña
vacina-intranasal-gripe-nenos
6 Jan 2025

Galicia suma 769.415 persoas xa vacinadas fronte á gripe e a Xunta mantén a posibilidade de vacinarse nos hospitais públicos ata o próximo sábado 18 de xaneiro.

A porcentaxe de persoas maiores de 65 anos vacinada está próxima ao 75 %, que é o obxectivo da campaña. Aínda así, a Consellería de Sanidade aspira a aumentar a cobertura, especialmente na franxa de idade de 60 a 69 anos, que está por debaixo do 50 %. Mentres, supérase o 70 % entre as persoas de 70 a 79 e o dato achégase ao 85 % no caso dos maiores de 80 anos.

En canto ás embarazadas, máis do 35 % vacinouse fronte á gripe. A vacina pode administrarse ata 6 meses despois do parto mentres dure a campaña. A Xunta lembra a súa importancia xa que a vacinación materna reduce as hospitalizacións e visitas a urxencias en bebés menores de 6 meses.

No que respecta á vacinación infantil, Galicia xa acadou o obxectivo do 60 % de nenas e nenos de 6 e 59 meses protexidos. Estase por riba do 61 % na primeira campaña na que a Xunta incluíu a vacina intranasal da gripe para nenos e nenas de 24 a 59 meses.

As persoas que desexen vacinarse da gripe e a covid poden solicitar autocita a través da aplicación Sergas Móbil, na que se lle facilitarán horarios dispoñibles no seu hospital de referencia. No caso do distrito coruñés, a vacinación mantense ata este sábado día 4 no recinto de Expocoruña e, a partir do día 7 de xaneiro, retómase no Chuac.

No que respecta á situación epidemiolóxica, a vixilancia levada a cabo pola Consellería de Sanidade, a través do Centro galego para o control e prevención das enfermidades, indica que na última semana de 2024 se acaba de superar en Galicia o nivel basal de intensidade. Así, ao pasar ao nivel baixo, iníciase a onda epidémica de gripe.

Protección ante a bronquiolite

A segunda temporada de inmunización fronte ao virus respiratorio sincitial (VRS) en Galicia volve ser un éxito porque a aceptación é do 91,50 % no caso dos bebés nados durante a campaña que comezou en setembro e do 88,81 % en nenas e nenos recaptados ao ter nacido antes da campaña, desde o mes de abril de 2024.

En total, son 9.683 bebés inmunizados.

A campaña continúa ata o 31 de marzo e ofrecerase a inmunización do VRS para os bebés nados en calquera hospital galego.

0.16272306442261