Galiza Nova e Erguer recollen máis de 5.000 alegacións en contra de Altri

LugoXa
A organización xuvenil Galiza Nova e a organización estudantil Erguer Estudantes da Galiza veñen de anunciar a recollida de máis de 5.
galiza_nova_erguer_altri
16 Abr 2024

A organización xuvenil Galiza Nova e a organización estudantil Erguer Estudantes da Galiza veñen de anunciar a recollida de máis de 5.000 alegacións en contra da macrocelulosa de Altri. O traballo realizado nas últimas semanas de recollida de alegacións culminaoa presentación simbólica de 10 destas no Concello de Palas de Rei, onde está proxectada a macrocelulosa.

“A mocidade e o estudantado galego amosaron masivamente o seu rexeitamento ás políticas do Partido Popular, que venden o noso futuro no país”, sinala Artai Gavilanes, responsable de Organización de Erguer. O proxecto de Altri é “inasumible, hipoteca o futuro do país e non responde aos intereses das estudantes e da mocidade galega que quere un futuro sostíbel onde vivir”, apunta Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova.

O proxecto que ocupará 366 hectáreas e fará uso de 46 millóns de litros de auga ao día (máis litros de auga que toda a cidade de Lugo durante un ano), contribuirá a unha maior contaminación da atmosfera e das augas do noso país e sobre todo dos ríos, afectando directamente ao río Ulla e á ría de Arousa.

“A nova macrocelulosa, terá un impacto inasumible no medio ambiente”, sentencia Artai. Ademais a construción desta nova macrocelulosa, non só presenta unha ameaza para o noso medio ambiente, senón que porá en risco milleiros de postos de traballo en sectores como o forestal, a agricultura, a gandaría ou o marisqueiro, tan importantes nas comarcas polas que transcorre o Ulloa.

Piden industria sostible e centrada en Galicia

“Destruirán emprego xa existente, mentres espolian os nosos recursos, eucaliptizan o monte e contaminan o río Ulla, un exemplo de modelo colonial”, comenta Marta. Deste xeito, aseguran que os estudantes queren industria sostible e centrada no país, que peche os ciclos produtivos na comunidade. “Trátase de ter un modelo produtivo pensado para o país, que nos beneficie como galegas, no que os beneficios compensen o impacto negativo”, apunta Artai.

Reclaman un desenvolvemento industrial sostíbel e amábel co medio ambiente, que garanta a protección do patrimonio natural e a calidade de vida, permitindo un medio rural vivo. Ambas organizacións continuarán traballando para que sexa posíbel que as estudantes e a mocidade galega constrúan un futuro no país, onde a industria que se instale responda aos intereses do pobo, reverta no país e xere un impacto mínimo tanto social como ecolóxico. “A nosa terra merece un trato xusto, por iso dicimos NON a este modelo depredador e colonial”, sentencia Marta Gómez.

0.14199209213257