Galiza pola Paz convoca mobilizacións o 3 de marzo contra a guerra e pola soberanía dos pobos

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | FerrolXa | SantiagoXa | PontevedraXa | OurenseXa
A plataforma chama a concentrarse nas sete cidades galegas tras o ataque de EUA e Israel contra Irán e reclama a defensa do dereito internacional
Guerra
2 Mar 2026

A plataforma Galiza pola Paz convocou concentracións de urxencia para este martes, 3 de marzo, nas sete cidades galegas en resposta ao ataque militar dos Estados Unidos e Israel contra Irán.

A organización considera que esta acción constitúe “unha agresión imperialista” e unha nova mostra do desprezo polo dereito internacional. Segundo sinala, o ataque inscríbese nunha cadea de intervencións militares en Asia Occidental, que inclúe conflitos como os de Iraq, Libia, Siria ou Gaza.

Galiza pola Paz sostén que a construción dunha paz verdadeira require o cesamento inmediato das agresións militares e o respecto á soberanía dos pobos. A plataforma defende o dereito dos Estados á súa integridade territorial e ao seu desenvolvemento autónomo, así como a necesidade de frear o que cualifica como dinámicas imperialistas e militaristas nas relacións internacionais.

No seu comunicado, a entidade chama á cidadanía galega a manter e ampliar a mobilización social, nun contexto no que, segundo lembra, xa se produciron protestas en solidariedade co pobo palestino.

As concentracións celebraranse de maneira simultánea nas principais cidades galegas, co obxectivo de reclamar unha saída diplomática aos conflitos e a defensa do dereito internacional.

Así, terán lugar na Delegación do Goberno da Coruña ás 20.00 horas, na Praza do Toural de Santiago de Compostela ás 20.00 horas, na Praza do Himno de Ferrol ás 20.00 horas, na Praza Maior de Lugo ás 20.00 horas, na Subdelegación do Goberno de Ourense ás 20.00 horas, na Praza da Peregrina de Pontevedra ás 20.00 horas e na Vía Norte de Vigo ás 19.30 horas.

0.11921191215515