Galiza Sempre presenta en Lugo un caderno que explora o movemento LGBT+
O Vello Cárcere de Lugo acolleu a presentación do último caderno da súa colección Ideas Impresas. Este novo número está dedicado á historia do movemento LGBT+ organizado en Galicia e foi elaborado polos activistas e estudosos Alexandre Garrido e Daniela Ferrández, militantes do nacionalismo galego e investigadores académicos. Os dous son membros desde a súa fundación da Rede Galega de Estudos Queer e do espazo de pensamento crítico galego Clara Corbelhe.
O caderno explora o mito fundacional do movemento, dando unha lectura crítica e desmitificada das revoltas que aconteceron aquel xuño do 69 en Nova York, así como a relación entre estes e a organización de movemento de liberación LGBT+ ao redor do planeta. Ademais analiza o contexto histórico, político e social en que a Galicia dos anos 70 recibiu estes ecos e como as activistas beberon de múltiples fontes e teceron alianzas para sacar adiante as primeiras mobilizacións. A través da obra ollaremos como unha serie de organizacións naceron, forxaron lazos, racharon, desapareceron e deron paso a novos grupos que continuaron a loita ao longo das décadas seguintes.
O caderno recorda o impacto que a pandemia da SIDA tivo sobre o colectivo, a capacidade para organizarse e a necesidade de repensar estratexias e prioridades naqueles anos de ‘transición’, de saída da clandestinidade do nacionalismo galego e de emerxencia dos movementos feministas, ecoloxistas e estudantís. Nas últimas seccións, analiza sobre a viraxe política que supuxeron as loitas pola Lei de Matrimonio Igualitario e a Lei de Cambio de Nome e Sexo xa no novo milenio, do papel que desempeñaron as institucións na construción dun novo marco legal e social e sobre que podemos
aprender destas transformacións en retrospectiva.
Alexandre Garrido (A Estrada, 1991) é biólogo, antropólogo en formación e doutorando en Educación na Universidade de Santiago de Compostela, cun proxecto de tese sobre a reprodución social da LGBTfobia. Foi un dos integrantes do colectivo Queercompostela e impulsou a fundación de Avante LGBT+, onde, na actualidade, forma parte da Coordinadora Nacional como Responsábel de organización. Pola súa parte, Daniela Ferrández (Almoradí, Paiís Valencià 1988) doutora en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela (2020), é investigadora posdoutoral no eido da
Historia e a Memoria da disidencia sexual na Galicia contemporánea.
En 2022 publicou A defunción dos sexos: disidentes sexuais na Galiza contemporánea, obra que gañou o Premio Follas Novas de Ensaio en 2023. Nestes anos, desenvolveu diferentes proxectos de divulgación e recuperación destas memorias. É, desde nova, activista pola recuperación da memoria antifascista, e, en paralelo, activista trans que ten colaborado con diferentes asociacións LGBT+ do país. Na presentación participou a secretaria da Fundación Galiza Sempre, Lucía Veciño, un dos seus autores, Alexandre Garrido e Marco A. Álvarez, membro de Avante LGBT+ de Lugo, entidade que colabora na difusión do caderno e da actividade